O PP de Ponteareas elixe a Nava Castro coma presidenta que sitúa a mocidade, a vivenda e a potenciación do rural como eixos principais do seu mandato
2 de novembro de 2025.
O 7º Congreso Local do PP de Ponteareas elixiu hoxe a Nava Castro coma presidenta da formación local, nun acto que contou coa presenza do presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, a secretaria xeral autonómica, Paula Prado, o presidente provincial, Luis López, e a secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro, respectivamente, así como de centos de afiliados e simpatizantes.
O Congreso que tivo lugar esta mañá no Auditorio Reveriano Soutullo contou coa lectura de ponencias sobre Mocidade, Urbanismo e Medio Rural, ao tratarse de temas de máximo interese para a veciñanza de Ponteareas. “Estas tres áreas imos reforzalas e serán tres dos eixos fundamentais do meu mandato, xa que para o PP de Ponteareas teñen especial importancia a mocidade, a vivenda e o rural”, indicou Nava Castro, tamén alcaldesa deste municipio.
A nova presidenta local do PP aproveitou para agradecer o apoio de Alfonso Rueda, Paula Prado, Luis López e Luisa Piñeiro, así como de todos os afiliados e simpatizantes que hoxe asistiron ao acto.