O PP de Pazos desenvolve unha campaña promocional do paso de ‘La Vuelta’ e destaca o “potente reclamo” e a oportunidade socioeconómica para o concello

Venres, 5 de setembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Pazos de Borbén está a desenvolver estes días unha campaña promocional por todo o concello do paso de ‘La Vuelta’ o próximo martes 9 de setembro, co gallo da 16ª etapa entre Poio e Mos. Para os populares, paga a pena este esforzo a prol do municipio e dos veciños, xa que se trata dun “potente reclamo” e dunha gran oportunidade no eido socioeconómico polo retorno que xera nos negocios.

Por elo, o PP de Pazos está a colgar en distintos puntos uns carteis de apoio e  informativos pola presenza da rolda ciclista, unha das tres probas máis importantes do mundo, xa que percorrerá o termo municipal durante uns 25 minutos –entre as 13.50 e as 14.15 horas segundo o libro de ruta– percorrendo as parroquias de Amoedo, Pazos e Borbén.

A voceira municipal, Eloísa Nogueira, explicou que esta iniciativa é moi necesaria para poñer en valor a chegada a Pazos de ‘La Vuelta’ catro anos despois da súa última presenza, xa que cómpre lembrar que esta competición ciclista xa estivo no concello en 2021 pola xestión do anterior goberno local de Andrés Iglesias.

“É principal evento deportivo que chega á nosa terra e, dado o absoluto pasotismo do goberno local malia a súa indiscutible importancia, desde o PP optamos por liderar esta iniciativa promocional porque, desde logo, é un fito para Pazos e temos que poñelo en valor”, detallou a concelleira.

Finalmente, Eloísa Nogueira lembrou que o PP local tivo un papel fundamental na consecución do paso desta etapa polo concello, xa que o pasado mes de decembro estivo negociando directamente este percorrido co director desta proba, Javier Guilén. Así mesmo, tamén agradeceu o apoio da Deputación de Pontevedra e do seu presidente, Luis López, xa que sen el sería imposible o paso desta etapa.