O PP de Pazos apoiará aos veciños de Moscoso para revogar o cambio de denominación e lamenta que saira adiante co apoio do alcalde Luciano Otero

Mércores, 1 de abril de 2025.-

O grupo municipal do PP de Pazos de Borbén vén de anunciar que vai apoiar totalmente aos veciños da parroquia de Moscoso nas súas accións para tentar revogar o cambio de denominación no Nomenclátor Oficial de Galicia e lamenta que dita modificación, contraria ao sentir maioritario desta contorna, saira adiante co apoio do alcalde, Luciano Otero, e do goberno local de Alternativa Veciñal.

Os populares, que comparten o malestar da veciñanza desta parroquia pola súa intención de manter o topónimo de Moscoso, deixaron claro que van colaborar e apoiar aos lugareños nos seus intentos de que a denominación se manteña como nas últimas décadas, xa que recalcaron que “responde ao que quere a xente e ademais forma parte da identidade e da tradición desta zona de Pazos”.

A voceira municipal, Eloísa Nogueira, que é natural de Moscoso, lembrou que estas modificacións do Nomenclátor, que afectaron a moitos concellos, parroquias e aldeas de Galicia, xurdiron dun traballo técnico da Real Academia Galega (RAG) do que foi informado o Concello de Pazos de Borbén, “que non só amosou ningunha oposición, algo fundamental para evitar o cambio, senón que o mesmo foi aplaudido polo alcalde Luciano Otero por cuestións vencelladas ao seu marcado sesgo ideolóxico que deixa ben ás claras que está moi alonxado do sentir maioritaria da xente e que goberno de xeito sectario”.

Ademais, a concelleira popular acusou ao rexedor de enganar e mentir aos veciños con este asunto, posto que lles dixo que colaboraría nas súas queixas e alegacións pero, á hora da verdade, non formulou ningunha reclamación desde o Concello -a única rexistrada foi presentada pola asociación da parroquia-, que era algo fundamental para darlle máis forza e tentar revogar o cambio. “En moitos concellos de Galicia había propostas de modificación de nomes, pero os gobernos locais puxéronse de lado dos veciños e conseguiron manter os topónimos vixentes, pero no caso de Moscoso tivemos a mala sorte de toparnos cun alcalde que púxose de costas á cidadanía”, rematou Nogueira.