O PP de Moaña vai impulsar un pleno extraordinario sobre a seguridade cidadá ante o crecente aumento de roubos, okupacións, agresións e tráfico de drogas
Martes, 3 de marzo de 2026.-
O grupo municipal do PP de Moaña vai impulsar un pleno extraordinario para abordar a situación da seguridade cidadá no concello ante o crecente aumento, especialmente ao longo do último ano, de roubos, okupacións, agresións e tráfico de drogas e a forte preocupación veciñal existente polo deterioro da convivencia pacífica.
Os populares, que van rexistrar nos próximos días a solicitude deste pleno asinado polos seus seis concelleiros e ao que teñen dereito por representar a máis do 35% da veciñanza, demandan que na sesión comparezan a alcaldesa, Leticia Santos, e a o xefe da Policía Local para dar conta da situación actual e dos datos de delincuencia do municipio e para que informen das medidas que pretenden artellar para acoutar o incremento da inseguridade que está a mermar a tranquilidade que sempre reinou no concello. Así mesmo, tamén reclamarán que se expliciten as medidas de colaboración entre o Concello e a Policía Local coas forzas e corpos de seguridade do Estado, que tamén teñen competencias en Moaña.
O voceiro municipal, Alfonso Piñeiro, explicou que, cada vez máis, os veciños están a contactar coa súa formación para expoñerlle os crecentes casos de delincuencia e conflitividade en diversos puntos do concello, especialmente na zona do Real, Canexa ou a contorna da Praza de Abastos e do Parque Infantil. En concreto, indicou que os episodios que comezan a ser moi recurrentes consisten en roubos en vivendas, vehículos e establecementos comerciantes, agresións en plena rúa, casos de okupación ou tráfico de estupefacientes e trapicheos incluso en zonas infantís e a plena luz do día.
“A xente está moi preocupada e compartimos plenamente esta preocupación porque a inseguridade é crecente, hai un evidente deterioro da convivencia e estase a configurar unha alarma social que alonxa moito a Moaña de ser un lugar tranquilo para vivir como sempre foi”, detallou o concelleiro popular, que considera que esta situación debe ser atallada canto antes “porque do contrario poderíamos chegar a un nivel de degradación e a certo punto de non retorno que ninguén quere para o noso concello”.
Finalmente, Alfonso Piñeiro, que agarda que a alcaldesa convoque esta sesión canto antes tan pronto como se rexistre a solicitude, engadíu que existe unha absoluta responsabilidade nesta situación por parte do executivo nacionalista, ao que acusou de “pasotismo” malia ser perfectamente coñecedor do claro aumento da delincuencia e da inseguridade.