O PP de Moaña vai impulsar un pleno extraordinario para a comparecencia do edil de Urbanismo e dos arquitectos sobre os incumprimentos das vivendas sociais de Sisalde

Sábado, 26 de setembro de 2026

O grupo municipal do PP de Moaña vai impulsar un pleno extraordinario no que solicitará a comparecencia do concelleiro de Urbanismo, Xosé Xoán Melón, do arquitecto municipal e do arquitecto técnico do Concello para que dean explicacións técnicas e legais sobre o proxecto de vivendas sociais de Sisalde, que se ubicarán enriba do futuro mini-auditorio e sobre as que pesan evidentes incumprimentos da normativa.

Os populares, que teñen dereito a esta sesión por ter unha representatividade do 35% da corporación, van formalizar a solicitude a próxima semana e deixaron claro que o seu único obxectivo é esixir explicacións e que haxa transparencia coa veciñanza ante a pechazón do goberno de Leticia Santos. “Os números non dan, porque o PXOM esixe 1.770 m2 de vivendas sociais e só vai haber 1.220, polo que hai que saber que pasa aí e se realmente eses pisos se poden edificar así ou hai que melloralos e dotalos de máis espazo”, apostillou o voceiro municipal, Alfonso Piñeiro.

O edil do PP indicou que no pleno extraordinario preguntarán aos intervintes o método de cálculo da superficie de vivendas sociais e que aclaren abertamente se cumpre ou non coa normativa, xa que lembrou que, aínda que hai un informe de hai dous anos do arquitecto municipal xa xubilado, “as cifras non concordan e ademais temos información de que ningún técnico, hoxe en día, asinaría un informe de legalidade deste proxecto tan cativo que lle furta aos veciños 550 m2 de vivendas sociais, o equivalente a seis pisos de 90 metros”.

O concelleiro popular deixou claro que non dubidan da “honorabilidade e o bo facer” dos funcionarios, en referencia ao informe existente, pero tamén advertíu de que calquera pode cometer un erro ou pasar por alto algún detalle, polo que adiantou que o obxectivo do pleno é que “o concelleiro e os arquitectos avalen que as vivendas sociais se poden facer con esa superficie inferior á recollida no Plan Xeral”.

En todo caso, Alfonso Piñeiro detallou que, ademais dos números evidentes que están sobre a mesa e que confirman o incumprimento da normativa, existe unha postura escurantista da alcaldesa e do goberno do Bloque “que semella que algo ten que agochar neste asunto e que se atopa moi nervioso”. Neste senso, revelou que veñen de negarlle por terceira vez, dando a calada por resposta, un informe de legalidade do proxecto. “Se todo cumpre e todo está ben como di Leticia Santos non entendemos como non se fai ese documento que daría seguridade xurídica ao proceso e tranquilidade aos veciños”, concluíu.