O PP de Moaña solicita a creación dun gran aparcadoiro público gratuíto nos terreos da antiga Lestón para paliar a grave falta de prazas e o caos do estacionamento
Xoves, 23 de xullo de 2026.-
O grupo municipal do PP de Moaña vén de solicitar a creación dun gran aparcadoiro público gratuíto nos terreos da antiga Lestón, xusto na entrada da vila e nas proximidades da igrexa, para paliar a grave falta de prazas e o caos do estacionamento xerado nos últimos anos polas políticas de mobilidade e tráfico do goberno de Leticia Santos.
Os populares, que pretenden levar esta proposta ao próximo pleno, reclaman esta medida xa que está apoiada pola gran maioría da veciñanza e para tentar solucionar o problema do aparcamento que, xunto coa vivenda, son as principais necesidades dos veciños e dous asuntos nos que consideran que as accións do BNG -como se demostra tamén no caso das Raíñas- están a ser moi neglixentes.
O PP de Moaña indicou que a habilitación destes terreos, que levan moitos anos parados e sen uso, “suporían un considerable alivio para o estacionamento” e concretaron que se poderían conseguir ben a través da súa compra ben a través dun alugueiro que, neste caso, podería liberarse cando os propietarios lle quixesen dar outro uso á citada parcela.
“Se Leticia Santos pode empeñar ao Concello en caso dez millóns de euros para unha salita de concertos que quere vender como auditorio e para dez vivendas que van a ter que aturar o ruído das actividades que van ter abaixo, malo será que non consiga financiamento para este proxecto tan necesario e que si que responde ás necesidades dos veciños”, ironizou o voceiro municipal, Alfonso Piñeiro, que recalcou que a proposta está pensada en positivo “ante a desesperación dos veciños para atopar onde aparcar, especialmente no verán”.
Polo demais, os populares explicaron que os problemas do aparcamento xurden de todas as accións do goberno, comezando pola constante destrucción de prazas por distintas obras e a falta de reposición das mesmas ou a recomendación de que a xente aparque fóra da vila e camiñe, nalgúns casos ata un par de quilómetros, para facer as súas compras e xestións, o que anuncian que acabará prexudicando ao comercio local.
Así mesmo, lamentaron a fallida proposta das zonas de parada de 45 minutos, xa que a xente supera este límite porque non lle chega o tempo e ademais o marco regulatorio e operativo non permite impoñer sancións -a Policía Local leva cero multas ata a data-, xa que se carece dos dispositivos homologados para o control do tempo. “Puxeron trinta minutos e nós propuxemos que se fixara en alomenos 60 e déronnos a razón a reganadentes subindo ata 45, pero está claro que o sistema non funciona, non favorece a rotación e ademais é insuficiente para os veciños. Teñen que deixarse de experimentos tipo Pontevedra, porque isto é Moaña, e o que teñen que facer é crear prazas céntricas e gratuítas”, concluíu Piñeiro.