O PP de Moaña revela que os terreos da Sareb nas Raíñas teñen que ser transformados polo Concello en SUC para acoller vivenda protexida da Xunta, xa que agora incumpren a calificación
Xoves, 30 de xullo de 2026.-
O grupo municipal do PP de Moaña vén de desmontar todas as excusas e xustificacións da alcaldesa, Leticia Santos, para non aceptar os terreos da Sareb nas Raíñas para a posterior construción de vivenda pública por parte da Xunta, xa que o procedemento non se pode acometer como pretende a rexedora posto que agora mesmo incumpren a calificación urbanística correspondente e, polo tanto, non se pode proceder á construción de pisos protexidos por parte do Goberno galego.
Así, os populares indicaron que estas sete parcelas no Plan Parcial A Xunqueira A-2 están catalogadas, tal e como reza un informe do arquitecto técnico municipal de maio de 2026, como Solo Urbanizable, pero o Plan Galego de Vivenda esixe que a construción de vivendas protexidas se execute exclusivamente en Solo Urbano Consolidado (SUC). Polo tanto, é imprescindible que o Concello de Moaña reciba estes terreos, que ademais foron ofrecidos gratuitamente pola Sareb, para que proceda á súa transformación cun cambio de categoría urbanística e coa correspondente urbanización antes de cedelos á Xunta.
“Non estamos ante un capricho da Xunta, senón ante a obcecación e incapacidade manifesta de xestión de Leticia Santos, tan hábil detrás dunha pancarta como inoperante para gobernar porque ademais está totalmente superada por este asunto e vai perder 300 vivendas para Moaña”, sinalou o voceiro municipal, Alfonso Piñeiro, que destacou tamén que a Xunta está poñendo “todas as facilidades”, xa que manifestou publicamente o seu compromiso coa construción de pisos públicos no concello se o goberno local lle facilita os terreos con idoneidade do solo e a correspondente categoría urbanística.
Desde o PP moañés salientouse tamén que, malia as excusas da alcaldesa sobre as responsabilidades en materia de vivenda, a lei galega desta materia do ano 2012 outorga aos concellos todas as competencias para a súa construción e engadiron que o propio goberno do BNG “está afondando nisto cun proxecto lamentable de dez vivendas sociais enriba da salita de concertos que vende como auditorio e que, ademais de empréndelo malia a incompatibilidade do uso cultural co residencial nun mesmo inmoble, vai empufarnos en oito millóns de euros”.
“Cremos que a alcaldesa, que agardamos que sexa recibida pola Xunta o antes posible para que lle repitan o que non quere entender, aínda está a tempo de rectificar e pedir desculpas aceptando os terreos da Sareb e facendo os correspondentes cambios urbanísticos antes de cedelos á Xunta. Do contrario, cremos que debería dimitir por perder unha oportunidade histórica en materia de vivenda que, agora mesmo, é a maior preocupación e demanda dos cidadáns”, concluíu o concelleiro popular.