O PP de Moaña reitera a necesidade de reformular o proxecto do novo auditorio por cativo e aposta polos terreos da Sareb para vivenda e un recinto cultural en condicións
Mércores, 20 de maio de 2026.-
O grupo municipal do PP de Moaña vén de reiterar a necesidade de reformular o proxecto do novo auditorio “antes de que sexa demasiado tarde”, posto que a proposta do goberno do BNG é cativa e incumpre a incompatibilidade dos usos residencial e sociocultural, polo que non dotará ao Concello da instalación que merecen os veciños e ademais hipotecará esta cuestión durante moitas décadas.
“Se se fai esta atrocidade, que non responde ás demandas do tecido cultural, Moaña terá que aguantar durante moitos anos esta instalación, porque non tería sentido facer outra nova de seguido tras un crédito de 7,4 millóns de euros, polo que o Bloque aínda está a tempo de corrixir un erro histórico”, manifestou o voceiro municipal, Alfonso Piñeiro, que salientou que a súa fomación aposta porque o Concello se faga cos terreos da Sareb para urbanizalos e posteriormente ceder unha parte á Xunta para vivenda social e quedarse con outra para construír un auditorio en condicións.
Neste senso, os populares de Moaña lamentaron a “obcecación” da alcaldesa, Leticia Santos, por sacar adiante un auditorio pequeno de menos de 400 prazas “cando hai concellos de 5.000 habitantes que teñen uns de 500” e acusárona de rectificarse a si mesma e non cumprir as expectativas do tecido cultural, posto que cando o BNG estaba na oposición esixía de xeito innegociable un aforo mínimo de medio milleiro de butacas.
Ademais, desde o PP de Moaña tamén se entende que a Xunta non colabore economicamente con esta actuación, posto que incumpre a normativa que recolle expresamente a incompatibilidade usos residenciais e socioculturais nun mesmo inmoble. “Se o Concello de Moaña quere estrelarse con este proxecto é cousa súa, pero para que a Xunta invista as iniciativas teñen que estar ben presentadas e cumprir coa lexislación, así que as queixas non se sosteñen”, advertíu Piñeiro.
O concelleiro do PP explicou que a proposta da súa formación pasa porque o Concello se faga coas amplas parcelas da Sareb e proceda á súa urbanización, cedendo posteriormente parte das mesmas á Xunta para que constrúa vivendas en réxime de protección e quedándose cunha parte ampla deste espazo para a construción do auditorio que merecen os veciños.
“Moaña é un concello de case 20.000 habitantes e debe pensar en grande e dotarse dunha instalación que dea cobertura a este nivel de poboación, non dunha que quede pequena o primeiro día, porque máis alá da chapuza de que teña vivendas enriba e incluso acolla o arquivo, non ten sentido que se faga un escenario de apenas 120 metros cadrados e unha platea con menos de 400 butacas”, concluíu o voceiro popular.