O PP de Moaña reclamará un reforzo de medios policiais no pleno extraordinario sobre seguridade cidadá impulsado polos seus seis edís e que se fixou para o próximo xoves
Sábado, 7 de marzo de 2026
O grupo municipal do PP de Moaña vai reclamar un reforzo de medios policiais ao Concello ante a actual situación de incremento dos delictos que causan un maior desacougo aos veciños e realizará esta petición no pleno extraordinario impulsado polos seus seis edís para abordar a situación da seguridade cidadá. Dita sesión quedou fixada para o próximo xoves, 12 de marzo, ás 20.00 horas e contará coas comparecencias da alcaldesa, Leticia Santos, e do xefe da Policía Local, que informarán do estado xeral da seguridade e das medidas que teñen previstas para acoutar a crecente delincuencia.
Os populares insistiron na necesidade de abordar con seriedade, rigor e ánimo construtivo a actual situación da seguridade no Concello, posto que as queixas e a preocupación dos veciños é claramente crecente pola reproducción de delictos, como agresións, roubos ou tráfico de drogas, especialmente en determinadas zonas da vila, como O Real, Canexa, ou a contorna da Praza de Abastos e o parque infantil.
Así mesmo, indicaron que estas sensacións dos moañeses, palpables a primeira vista porque moitos destes delictos se cometen a plena luz do día e incluso diante de cativos, corrobóranse tamén co informe de balance da Policía Local correspondente ao recén pechado ano 2025.
Neste documento destácase que hai un incremento de determinadas prácticas delictivas, como roubos, especialmente en vehículos, agresións e pelexas e tráfico de substancias estupefacientes e incluso que, na comisión dos mesmos, adoitan a participar cada vez máis menores de idade.
Ante esta situación, o PP moañés considera que o Concello debe asumir esta situación “en vez de poñer unha venda nos ollos e contarlle á poboación que somos unha vila tranquila, que é certo, pero cada día o é menos” e concretar as medidas para reconducir esta situación, algo que, para os populares, pasa polo reforzos dos medios policiais, tanto do corpo local como da Garda Civil, “para que o magnífico traballo que fan os axentes non se vexa superado pola insuficiencia de efectivos”
“A nosa Policía Local fai un grandísimo traballo, pero precisa de máis axuda no actual escenario, porque están medrando, e nalgúns casos moito como eles mesmos constatan, os delictos que máis alarman e preocupan aos veciños, os máis desagradables e os que máis impactan na vila”, concluíu Alfonso Piñeiro.