O PP de Moaña reclama unha actuación urxente de reparación nas pistas de Domaio e cre que ao goberno se lle “acabaron as excusas” cos novos fondos da Deputación

Venres, 17 de abril de 2026

O grupo municipal do PP de Moaña vén de reclamar unha actuación urxente de reparación e bacheo nas pistas municipais de Domaio, xa que se atopan en moi mal estado e ao goberno do BNG se lle “acabaron as excusas máis variopintas” tras a confirmación dunha nova transferencia de fondos da Deputación de Pontevedra orientada exclusivamente a este tipo de obras.

Os populares lamentaron o estado das vías de competencia local desta parroquia moañesa, xa que se atopan “totalmente impracticables” con grandes dificultades para a circulación, graves riscos de danos sobre os vehículos e, en consecuencia, problemas para a seguridade viaria de vehículos e peóns. Neste senso, concretaron que esta situación débese basicamente aos anos de abandono no mantemento de pistas do executivo nacionalista de xeito xeral en todo o municipio e, en particular, na zona de Domaio.

Por iso, o PP moañés considera que os case 200.000 euros do Plan Vía Depo, anunciados esta semana polo presidente provincial, Luis López, para axudar aos concellos a paliar os efectos das borrascas sobre as estradas, deben destinarse a estas reparacións en Domaio.

Ao respecto, o voceiro popular, Alfonso Piñeiro, lembrou que o goberno de Leticia Santos sempre desbotou actuar nesta parroquia malia a palmaria necesidade agochándose en que estas obras non figuraban entre as peticións do Consello Veciñal, “que é unha entidade que empregan ao seu antoxo, xa que cando lle interesan os seus ditames fanlles caso e, cando non lles conveñen quedan no esquecemento nun uso totalmente torticeiro da participación cidadá”.

Ademais, o concelleiro popular apostillou que o executivo non pode centrarse exclusivamente no que diga o Consello Veciñal, xa que lembrou que este suposto órgano “serve, como seu nome indica, para aconsellar, pero quen goberna, que é o BNG porque así o decidiron os veciños, deben liderar, tomar decisións e atender prioridades flagrantes como esta”.