O PP de Moaña reclama un plan de rozas e limpeza para o presente ano para anticiparse aos problemas de 2025 e esixe que se inclúan dúas actuacións en cada zona

Venres, 9 de xaneiro de 2026.-

O grupo municipal do PP de Moaña vén de reclamar ao goberno local o deseño e posterior execución dun plan de rozas, limpeza e mantemento das zonas públicas do concello para o presente 2026 co obxectivo de anticiparse aos graves problemas que sucederon o pasado ano. Así mesmo, tamén esixen que este traballo de planificación inclúa alomenos dúas actuacións nas pistas e espazos públicos, xa que consideran que unha única roza é insuficiente para mantelos en boas condicións.

Deste xeito, os populares reaccionan ante a “total falta de previsión” do executivo de Leticia Santos, ao que acusaron, pola súa inacción e irresponsabilidade, de provocar que o pasado ano o concello fose “unha auténtica selva”, o que prexudicaba á seguridade viaria ou á contención dos lumes forestais.

O voceiro municipal, Alfonso Piñeiro, advertíu de que esta reclamación dos populares adiántase o máximo posible “para que logo non se excusen na falta de tempo” e considera que o goberno do Bloque debería centrarse na planificación xeral do Concello en vez de adicarse exclusivamente a anuncios sobre o parque forestal dos Remedios, na parroquia de Tirán, posto que actualmente atópase paralizado polas advertencias da Secretaría Municipal sobre a normativa.

Neste senso, o concelleiro popular revelou que o Concello comezou a solicitar as cesións de terreos para esta zona verde, que se pretenden repoboar con especies autóctonas, pero os servizos técnicos xurídicos do Concello instáronlle a parar esta operación -polo que só dispoñen dunha parte dos terreos proxectados-. Malia iso, o goberno do BNG contratou a unha empresa privada para a roza desta contorna o pasado ano previo pago de 7.500 euros.

“Apoiamos totalmente a creación do parque forestal dos Remedios, pero neste caso o Concello debería adicarse a solventar os problemas legais existentes para a súa posta en marcha de xeito real e non a facer rozas das que carecen todos os demais espazos públicos do municipio”, apostillou Piñeiro, que recalcou que o PP vai insistir no plan de rozas e limpeza “para tentar que, dunha vez por todas, se fagan estas labores en condicións e con antelación”.