O PP de Moaña pide a creación dunha pista polideportiva e unha área de lecer en San Lourenzo para rematar coa “discriminación” deste barrio de Domaio
Sábado, 21 de febreiro de 2026.-
O grupo municipal do PP de Moaña vén de solicitar a creación dunha pista polideportiva pública e dunha área de lecer en San Lourenzo, pertencente á parroquia de Domaio, para rematar coa “discriminación” que sufre este barrio en materia de investimentos e equipamentos por parte do goberno de Leticia Santos.
Os populares veñen de presentar unha moción, que se debaterá no pleno do próximo xoves, na que reclaman a inclusión dunha partida específica nos próximos orzamentos municipais para a construción destas dúas instalacións públicas e un calendario detallado para a súa execución “co obxectivo de que estes compromisos non quedan no caixón das habituais excusas e promesas baleiras e incumpridas do Bloque con San Lourenzo”.
O voceiro municipal, Alfonso Piñeiro, lamentou o “abandono evidente que se non é un castigo se lle semella moito” co que o executivo do BNG trata a esta zona de Domaio, posto que carece de espazos deportivos, zonas de encontro veciñal e áreas de lecer dignas mentres, grazas aos fondos da Deputación que recibe o Concello, vanse dotando destas instalacións a outros lugares do municipio. “Estamos ante un trato totalmente inxusto coa veciñanza de San Lourenzo, que xa está moi farta da desatención que recibe por parte do goberno local e que debe ser corrixida de inmediato”, apostillou.
O concelleiro do PP engadíu que os veciños “non teñen os mesmos servizos, nin de lonxe, que os das demais zonas do municipio malia que tamén pagan os mesmos impostos” e calificou de “moi triste” que, por esta situación, os cativos de San Lourenzo teñan que desprazarse a outros puntos de Moaña e incluso de concellos veciños para practicar deporte ou relacionarse socialmente.
“Esta situación é inaceptable nun concello coma o noso con preto de 20.000 habitantes e un orzamento millonario, polo que o BNG xa non pode seguir mirando para outro lado e manter totalmente esquecido a San Lourenzo. É de urxente necesidade e de xustiza social que se lles dote destas instalacións municipais”, concluíu Alfonso Piñeiro.