O PP de Moaña levará ao pleno deste mes unha moción en apoio ás reivindicacións do sector do mar fronte ao novo regulamento europeo de control da pesca

Luns, 19 de xaneiro de 2026.-

O grupo municipal do PP de Moaña presentará no pleno ordinario do presente mes de xaneiro unha moción de apoio ás reclamacións do sector marítimo-pesqueiro, e en especial da pesca costeira artesanal, ante a aplicación do novo Regulamento Europeo de Control da Pesca.

Desde o PP de Moaña advirten de que a normativa, tal e como está formulada, non ten en conta a realidade do noso litoral nin as especificidades da frota artesanal multiespecífica, xerando unha carga administrativa excesiva e difícil de asumir para moitos profesionais do mar.

A iniciativa recolle, entre outros acordos, a necesidade de aplicar a flexibilidade prevista no propio regulamento europeo, e excluir do prazo de preaviso de chegada á porto aos buques que operan habitualmente en zonas próximas á costa.

Así mesmo, a moción defende o establecemento dun réxime simplificado de rexistro de capturas para a frota artesanal multiespecífica, que permita excluír da consignación individualizada aquelas especies con capturas inferiores a un limiar mínimo por marea, mantendo en todo momento o control das especies principais.

O texto tamén insta a definir criterios obxectivos e transparentes para a aplicación destas medidas de flexibilidade, atendendo ao tipo de frota, a proximidade ao porto, a duración da marea ou o carácter multiespecífico da actividade.

Ademais, o PP de Moaña reclama que, no ámbito da Unión Europea, se impulse unha interpretación harmonizada ou unha adaptación normativa que evite cargas administrativas desproporcionadas e favoreza a sustentabilidade social e económica do sector.

Por último, a moción solicita a realización dunha análise detallada da situación real do sector respecto ao grao de implantación dos sistemas electrónicos esixidos polo regulamento, identificando aqueles segmentos da frota, especialmente a pesca costeira artesanal, que non están en condicións de cumprir coas novas obrigas.

“O mar forma parte da identidade, da economía e da vida de Moaña, e as administracións teñen a obriga de escoitar ao sector e adaptar as normas á realidade, non ao revés”, sinalan desde o Grupo Popular de Moaña.