O PP de Moaña lembra que Leticia Santos asinou a perda futura das urxencias a favor do CIS de Cangas e aposta por seguir mellorando a atención do novo centro de saúde

Martes, 2 de xuño de 2026

O grupo municipal do PP de Moaña considera que a apertura do novo centro de saúde de Sisalde o próximo 15 de xuño supón unha excelente noticia para todos os veciños. Moaña contará cun centro de saúde moderno e de referencia, con atención sanitaria as 24 horas, novos servizos como fisioterapia en horario de tarde e unha ambulancia de soporte vital avanzado dispoñible permanentemente. Trátase dunha organización asistencial definida con criterios técnicos, médicos e sanitarios, polo que resulta sorprendente que a alcaldesa cuestione o criterio dos profesionais e as recomendacións dos expertos.

Os populares reiteraron que a súa prioridade sempre foi defender melloras para a atención sanitaria dos moañeses e que seguirán traballando para que o novo centro de saúde desenvolva todo o seu potencial e continúe incorporando servizos e recursos que beneficien aos veciños.

Neste sentido, lembraron que a sanidade é unha cuestión demasiado sensible para convertela nun instrumento de confrontación política, motivo polo que decidiron deixar de participar na denominada Mesa pola Sanidade, un órgano que consideran claramente politizado e utilizado polo BNG como ferramenta de desgaste partidista. Recordan que pediron meses atrás que Leticia Santos deixara de presidir este órgano, petición a que a propia Leticia se negou polo uso que fai deste órgano para o seu beneficio.

O PP tamén quixo recordar un feito que considera fundamental neste debate: a existencia dun convenio asinado pola alcaldesa, Leticia Santos, no que se acepta que a atención urxente actualmente recuperada en Moaña pase a centralizarse no futuro no CIS do Morrazo, en Cangas, unha vez esta infraestrutura entre en funcionamento.

“Os veciños teñen dereito a coñecer toda a realidade. Mentres algúns intentan reescribir a historia, existe documentación oficial asinada pola propia alcaldesa que acredita cal era a súa posición respecto ao futuro das urxencias en Moaña”, sinalaron.

Finalmente, os populares insistiron en que seguirán actuando coa mesma responsabilidade e discreción que mantiveron durante todo este proceso, centrando os seus esforzos en conseguir máis e mellores servizos para os veciños e contribuíndo a que o novo centro de saúde de Sisalde funcione nas mellores condicións posibles desde o primeiro día.