O PP de Moaña lamenta que o BNG dilapide cantidades millonarias no seu “amiguismo cultural” mentres a veciñanza leva anos agardando polo paseo de Seara
Sábado, 8 de novembro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Moaña de lamentar que o goberno do BNG dilapide cantidades millonarias na posta en práctica do seu “amiguismo e sectarismo cultural” co gallo do investimento realizado na restauración das antigas Carpintarías de Ribeira de Casqueiro e de Carlagho mentres a veciñanza leva anos agardando que saquen adiante o remate do paseo de Seara.
Os populares cren que o executivo nacionalista “pasou por riba da vontade popular” de Moaña e limitouse a adicar unha cantidade moi importante de recursos públicos “na exclusiva aplicación da súa cativa axenda ideolóxica en vez de atender aos intereses xerais dos moañeses” ao priorizar o arranxo destas dúas instalacións por riba do citado paseo e de moitas outras necesidades, investimentos e servizos que precisan os veciños.
Para o PP, os exemplos de “amiguismo cultural” son continuos e constantes e percíbense perfectamente desde a organización de actividades aos propios investimentos, “xa que o BNG pretende que todo o mundo pense coma eles e tentan meter as súas ideas con calzador aínda que non sexan compartidas pola maioría da xente”.
Neste senso, os populares engadiron que, na restauración destas antigas carpintarías, é “especialmente flagrante” o caso da de Carlagho, “xa que toda Moaña sabe que se fixo exclusivamente para prepararlle o garito aos seus amigos”, posto que na asociación están todos os cargos e representantes do Bloque local.
Por todo elo, os concelleiros do PP cren que a súa ausencia na inauguración das carpintarías “está máis que xustificada, xa que é unha obra que non nos representa nin a nós nin á inmensa maioría dos moañeses, polo que non queríamos que a nosa presenza branquease unha actuación que consideramos excesiva mentres seguimos agardando, e o que nos queda, polo paseo de Seara”. Ademais, lembraron que o BNG, na súa política da mentira, ata acusou ao Partido Popular de prenderlle lume ao edificio “no seu intento de vencellarnos coa violencia, como xa fixeron no pleno do taxazo do lixo, cando tamén todo o mundo sabe que partido está máis preto dela, e só hai que ver as recentes fotos con Bildu”.