O PP de Moaña lamenta o retraso na selección e incorporación de socorristas e alerta de que se pon en risco a seguridade dos bañistas polas vacantes dos patróns
Mércores, 25 de xuño de 2025.-
O grupo municipal do PP de Moaña vén de lamentar a xestión do goberno local no proceso de selección e incorporación de socorristas e de profesionais de seguridade nas praias para a campaña de verán 2025, xa que criticaron que todo este procedemento acometeuse con excesivo retraso e, como consecuencia do mesmo, veñen de producirse vacantes sen marxe de manobra, o que pon en risco a seguridade dos bañistas.
Así, os populares indicaron que o Concello de Moaña tardou en exceso en facer esta convocatoria, xa que aduce que non o quere facer ata coñecer se recibe unha axuda económica da Xunta, e conseguíu cubrir as seis prazas de socorristas, pero quedaron vacantes as dúas de patróns de embarcacións para este servizo, o que vai obrigar a realizar unha nova convocatoria co conseguinte retraso e prexuízo para os usuarios das praias.
“Xa lles preguntamos dúas veces en comisión por este asunto e nos dixeron que tiñan que agarda pola resolución da Xunta, que é algo que, loxicamente, non fan os demais concellos da provincia que xa teñen os seus socorristas contratadas desde hai tempo. Reiterámoslles que ían moi xustos e que, se algo fallaba, como pasou coas prazas de patróns, non lles ía dar tempo a rectificar e estaríamos sen o plantel cuberto a 1 de xullo”, significou o voceiro municipal, Alfonso Piñeiro.
Por elo, o PP moañés criticou “unha nova mala xestión” da concelleira responsable, Dolores Chapela, xa que non é de recibo esperar pola axuda da Xunta, xa que a contratación destes profesionais “é de competencia municipal se conceda ou non se conceda unha achega autonómica”. “Está dando a entender que, se a Xunta non colabora con estas contratacións, que sempre o fai pero non ten porque facelo, en Moaña non habería socorristas que, como todo o mundo sabe, é unha necesidade polo incremento de persoas nas nosas praias e polos riscos, cada vez máis elevados, de afogamentos ou outros incidentes”, apostillou.
Por elo, os populares esixíronlle ao goberno nacionalista que axilice canto antes a cobertura das prazas vacantes para esta campaña de verán e que, para tempadas vindeiras, actúe cunha maior dilixencia na convocatoria da selección e nos procesos de contratación dos socorristas, “aínda que non temos moita esperanza, para desgraza dos veciños de Moaña, porque Dolores Chapela está batendo récords de ineficacia ata ostentar o dubidoso título de peor concelleira de Medio Ambiente da historia do noso concello”.