O PP de Moaña lamenta o “novo fracaso” de Leticia Santos na xestión dos terreos das Raíñas coa Sareb e esixe que acepte a cesión gratuíta para non perder 292 vivendas públicas
Mércores, 9 de setembro de 2026
O grupo municipal do PP de Moaña vén de lamentar o “novo e rotundo fracaso” da alcaldesa, Leticia Santos, na xestión dos terreos das Raíñas coa Sareb despois de que esta entidade estatal lle dixese que non cumprían cos requisitos para adherirse ao proxecto ‘Casa 47’ co obxectivo de que o Goberno de España puidese construír vivenda pública.
Os populares lembraron que a rexedora vai de desatino en desatino neste asunto “pola súa teima e obcecación” e pola súa incapacidade de xestión “nun tema que lle queda moi grande porque non está preparada para nada que non sexa o megáfono e a pancarta, onde é a absoluta campioa mundial”. Así, recordaron que fracasou cando non aceptou a cesión gratuíta destes 1.974 metros cadrados no Plan Parcial A Xunqueira A-2, volveu fracasar cando pretendeu que os aceptara directamente a Xunta malia que non podía porque non cumprían os requisitos para facer directamente vivenda protexida e vén de acadar o seu terceiro fracaso coa negativa da Sareb a transferilos ao proxecto estatal ‘Casa 47’.
Ante esta situación, desde o PP de Moaña instaron á rexedora a que “baixe da burra” e acepte a cesión que lle segue ofertando a Sareb para proceder ao cambio de catalogación urbanística, posto que a Xunta non pode construír alí por non ser Solo Urbano Consolidado (SUC), e a asumir os gastos de urbanización antes de cederllos ao IGVS. “O Goberno galego está a facer vivendas públicas en decenas e decenas de concellos polo seu gran compromiso nesta materia e só pide terreos que cumpran os requisitos, así que o que ten facer a alcaldesa e traballar nesta liña para que Moaña non perda ata 292 vivendas públicas”, manifestou o voceiro municipal, Alfonso Piñeiro.
“Tristemente Moaña ten unha alcaldesa que vai circulando en dirección contraria a todo o mundo e tristemente ela segue pensando que é a que vai na dirección correcta, polo que está a facer política kamikaze contra os intereses dos veciños que Moaña que ansían a oportunidade de acceder a unha vivenda. Ten que mudar de actitude porque estámonos xogando moito e estanos abocando a quedar sen un gran proxecto residencial”, sinalou o concelleiro do PP.
Os populares, que van seguir insistindo na súa petición publicamente e nos plenos, cren que a rexedora “está máis cómoda incumprindo a normativa”, posto que aposta por facer dez vivendas públicas enriba do futuro auditorio malia a incompatibilidade dos usos cultural e residencial nun mesmo inmoble e rexeita seguir as directrices da Xunta e da Sareb para un gran proxecto nas Raíñas.