O PP de Moaña lamenta a “absoluta inacción” do goberno na roza de espazos públicos afectados pola maleza de García Arenal e esixe que lidere a execución forzosa desta limpeza

Mércores, 28 de maio de 2025

O grupo municipal do PP de Moaña vén de lamentar por enésima vez a “absoluta inacción” do goberno nacionalista na súa competencia de mantemento e conservación dos espazos públicos e das rúas por negarse a acometer unhas necesarias tarefas de roza e limpeza na contorna dunha finca privada da rúa Fernando García Arenal que está chea de maleza, ramas e vexetación.

Por elo, e malia que se trata dunha propiedade particular, o seu estado descoidado provoca que, desde hai moitos anos, a vexetación sobresaia da mesma e afecte a rúas, espazos municipais e zonas públicas, polo que cre que o Concello ten que “asumir a súa responsabilidade dunha vez por todas” e liderar a execución forzosa desta limpeza á vista de que non funcionan os requerimientos que, din, levan anos mandándolle aos propietarios.

Os populares, que lembraron que nos últimos catro anos foron medrando as queixas, denuncias e o malestar veciñal por esta situación, indicaron que esta parcela está a prexudicar, en maior ou menor medidas, a rúas lindeiras como Fragata Almansa, Goleta Vencedora, Miguel Enríquez e José Costa Alonso.

“A maleza, a vexetación e as ramas levan anos medrando e a finca está nunha situación lamentable invadindo as nosas rúas e as propiedades doutros particulares mentres que o goberno local se limita a facer cómodas xestións administrativas enviando notificacións a uns donos que, segundo di o executivo recurrentemente no seo da comisión de Medio Ambiente, se nega a facer nada. Ante esta situación, non poden quedar de brazos cruzados, porque ademais a normativa lles permite actuar e a facer unha execución forzosa, pero o BNG prefire non facer nada co  prexuízo para a veciñanza”, sinalou o voceiro municipal, Alfonso Piñeiro.

Os populares lembraron que esta situación estase recrudecendo nos últimos anos, xa que en 2022 chegoulle ao Concello un acta de denuncia de Seprona, mentres que en 2024 o propio PP presentou por rexistro unha demanda de actuación urxente e forzosa acompañada de máis dun cento de sinaturas de veciños.

Sen embargo, a actitude do goberno nacionalista “está ben clara e aposta polo pasotismo”, xa que recentemente, e ante preguntas dos afectados, limitáronse a dicir que problema non era tan grave e que non podía actuar ata a resolución dos requerimientos.

“Discrepamos absolutamente da súa análise, xa que, co gallo dos últimos temporais do pasado inverno, as ramas que chegan aos espazos municipais caeron sobre o tendido eléctrico e provocaron chispas que estiveron moi preto de xerar un incendio urbano preto das vivendas, así que esíximoslles que actúen xa non vaia a ser que se produza unha desgraza”, concluíu Piñeiro.