O PP de Moaña insiste na “incapacidade total” de Leticia Santos e lamenta a súas contradiccións tras perder a construción de 289 vivendas públicas nas Raíñas

Martes, 21 de xullo de 2026.-

O grupo municipal do PP de Moaña vén de insistir na “incapacidade total e manifesta” da alcaldesa, Leticia Santos tras asistir, no serán de onte, á asamblea aberta convocada pola rexedora para dar explicacións polo fallido proxecto de vivenda pública nos terreos da Sareb nas Raíñas. De feito, os populares indicaron que dito encontro estivo caracterizado polas “rotundas contradiccións” da munícipe nacionalista e o escurantismo de moitas cuestións que non explican a perda dun investimento millonario para levantar 289 pisos que ademais servirían para atender a principal demanda dos moañeses.

O PP moañés criticou que a convocatoria da alcaldesa se orientase exclusivamente a tentar acalar as fortes críticas e o malestar dos veciños por deixar pasar unha “oportunidade histórica”, pero non servise para aclarar porque, pola súa exclusiva responsabilidade, se vai perder a construción destas case 300 vivendas. De feito, os populares cren que o goberno nacionalista se atopa “perdido e superado” pola situación malia que se trataba da xestión máis fácil da historia, “posto que só había que aceptar gratuitamente uns terreos da Sareb e poñelos a disposición da Xunta”.

“O BNG só serve para a pancarta e o megáfono, aí son os reis, pero cando se trata de gobernar non teñen nin idea, porque ademais se deixan levar sempre polo seu sectarismo e a súa xenreira. Son un partido pensando para a oposición e agora tristememente vano pagar todos os moañeses”, manifestou o voceiro, Alfonso Piñeiro, que recalcou que o PP vai insistir en que a alcaldesa ten a obriga de rectificar e recuperar esta obra ou deberá presentar a súa dimisión de inmediato

Ademais, o PP moañés lamentou  que a rexedora tentase “retorcer a realidade” na asamblea de onte asegurando que o Concello nunca rexeitou os terreos da Sareb, “pero non os aceptou, que era o que se lle pedía para cedelos á Xunta, que era a fórmula proposta por todas as administracións e estamos perdendo un investimento millonario e 300 pisos”.

Tamén lle afearon as súas contradiccións sobre as competencias de vivendas que son da Xunta, xa que lembraron que o Goberno de España tamén está a facer promocións públicas e incluso o propio Concello promove dez en Sisalde malia a incompatibilidade de usos co auditorio que vai construír debaixo das mesmas. “Se as competencias de vivenda son da Xunta, para que vai edificar unhas en Sisalde no proxecto do miserento auditorio? As competencias son da Xunta só cando lle peta a ela? Que ademais vai tirar 10 millóns de euros endebedando ao Concello ata as orellas”, sinalaron desde o PP.

Finalmente, lamentaron que a asamblea se celebrase sen debate, cunha resposta conxunta para todas as preguntas e sen dereito a réplica, e lamentaron que tamén dixese que lle ofreceu dous terreos á Xunta “polo que non entendemos porque non colleu os da Sareb para facer o mesmo”, pero que calase que foron rexeitados pola pendente e polas escasas dimensións, respectivamente.