O PP de Moaña formaliza a solicitude de pleno extraordinario sobre a legalidade das vivendas sociais de Sisalde e pídelle a Leticia Santos que o convoque “canto antes”
Mércores, 30 de setembro de 2026.-
O grupo municipal do PP de Moaña vén de formalizar por rexistro a solicitude dun pleno extraordinario para abordar a legalidade das vivendas sociais de Sisalde, incluídas no proxecto do mini-auditorio, e pídelle á alcaldesa, Leticia Santos, que o convoque “canto antes”. Neste senso, indicaron que a rexedora dispón dun prazo máximo de quince días para fixar a sesión e, en caso de non o faga, será convocada de oficia pola Secretaría do Concello para tres días despois desta data límite.
“Supoñemos que a nosa rexedora, tan amante da legalidade, será a primeira interesada en que todo se aclare para tranquilidade da veciñanza e para que comproben que non lles están furtando 550 m2 de vivenda protexida, polo que cremos que a sesión será inminente, que é o que queremos todos”, ironizou o voceiro, Alfonso Piñeiro, que lembrou a absoluta resistencia da alcaldesa a que se emita un novo informe técnico que avale que a superficie das vivendas sociais de Sisalde alcanza a cifra mínima que esixe o Plan xeral.
Neste pleno extraordinario, o PP moañés reclama a comparecencia do concelleiro de Urbanismo, Xosé Xoán Melón, do arquitecto municipal e do arquitecto técnico do Concello para que dean explicacións técnicas e legais sobre este proxecto residencial, sobre o que pesan evidentes incumprimentos da normativa, e para que confirmen que os 1.220 m2 para estes pisos sociais cumpren co PERI.
Tamén reclaman, en caso de que os tres intervintes verifiquen a legalidade do proxecto, o método de cálculo empregado, posto que lembran que o PXOM recolle específicamente que nese ámbito ten que haber un mínimo de 1.770 m2 de vivenda protexida, é dicir 550 máis do que se contempla no proxecto aprobado polo goberno do BNG.
“Nesa zona hai a edificabilidade que hai e dá a sensación de que o goberno de Leticia Santos quitoulle metros ás vivendas sociais para aumentar a superficie do auditorio, que xa é ridículo para o que precisa Moaña e que quedaría totalmente pírrico se as vivendas protexidas alcanzaran os 1.770 m2 que marca a normativa”, indicou Alfonso Piñeiro.
O voceiro popular engadiu que a esta situación chégase pola “obcecación” da alcaldesa en facer pisos enriba do auditorio, “que é algo que non ten ningún sentido e que contradí tamén a normativa pola incompatibilidade dos usos socioculturais e residencias nun mesmo inmoble”. Por iso, considera que a solución máis sinxela pasaría por facer exclusivamente o auditorio en Sisalde cunhas maiores dimensións e capacidade e apostar por unha gran promoción de vivenda protexida nas Raíñas se aceptase gratuitamente os terreos da Sareb. “Pero os camiños de Leticia Santos son inescrutables e onde non haxa un megáfono e unha pancarta e sexa preciso xestionar con sentidiño xa non se move con tanta axilidade”, concluíu.