O PP de Moaña esíxelle “valentía e coherencia” á alcaldesa e ínstaa a que non inaugure as Carpintarías de Ribeira ata que non sexa capaz de rematar o paseo de Seara

Xoves, 11 de setembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Moaña vén de esixirlle á alcaldesa, Leticia Santos” que actúe con “valentía e coherencia” de acordo co seu ideario político para decidir unilateralmente as obras e servizos públicos que deben funcionar no concello e ínstaa a que non inaugure as remozadas Carpintarías de Ribeira, cuxas obras están na súa recta final, ata que non sexa capaz de rematar o paseo de Seara.

Os populares lembraron que, hai uns días, a rexedora ameazou con non permitir a apertura do novo centro de saúde de Sisalde se non tiña urxencias “nun intento desesperado por cambiar o relato e actuando cun camorrismo inexplicable, posto que nese edificio hai zona de urxencias, como se pode comprobar, e está prevista a súa implantación”, polo que ironizaron con que manteña esta “postura radical” no caso da fachada litoral de Moaña.

“Avogamos porque a alcaldesa non caia nas súas propias contradiccións, algo que lle está sucedendo moito últimamente porque fala demasiado e este mandato de guerrilla e confrontación estáselle facendo moi londo, e non lle dea máis importancia ao seu proxecto sectario destas edificacións ribeireñas que ao paseo, que é unha demanda unánime de toda Moaña”, apostillou o voceiro municipal, Alfonso Piñeiro.

Deste xeito, os populares fan referencia ao recente anuncio do Concello de que as antigas carpintarías de Casqueiro e Carlago serán inauguradas e abertas ao público proximamente, dado que están moi avanzadas e o prazo remata o vindeiro 30 de setembro, e consideran que o executivo do BNG “estase volcando exclusivamente nun proxecto sectario e ideolóxico que ten uns fins e uns beneficiarios finalistas moi afíns no canto de adicar os seus esforzos, traballo e diñeiro público ao proxecto de todos que o percorrido marítimo”.

“O BNG decidíu adicar un millón de euros ás antigas carpintarías para satisfacer só aos seus afíns, porque ninguén entende en Moaña entende que se destinara tal cantidade de cartos a esta actuación habendo outras prioridades e necesidades, e ademais trátase dunha obra que non esperta ningunha adhesión social. E paralelamente, nin xestiona nin presiona a Costas do Estado para expropiar ou rematar a consecución dos terreos en Seara, que é o que realmente quere toda a veciñanza”, concluíu o concelleiro popular, que cre que se trata “dunha mostra máis da súa ineficacia”.