O PP de Moaña esixe responsabilidades políticas a Leticia Santos pola perda de 289 vivendas públicas nas Raíñas e pídelle que rectifique ou que presente a súa dimisión
Mércores, 17 de xullo de 2026.-
O grupo municipal do PP de Moaña vén de esixir responsabilidades políticas directas á alcaldesa, Leticia Santos, pola máis que posible perda de 289 vivendas públicas no ámbito do plan parcial A Xunqueira-2, na zona das Raíñas, derivada exclusiva da súa mala xestión e pídelle á rexedora que rectifique e trate de recobrar este acordo tan beneficioso para a veciñanza ou que presente a súa dimisión.
Os populares consideran que a proposta da Sareb de cederlle gratuitamente estes terreos ao Concello era “unha oportunidade histórica” e ademais supoñía unha tramitación moi sinxela para que posteriormente os puxese a disposición da Xunta, que xa había anunciado o seu compromiso de construír vivenda pública por fases nesta contorna. “Esta nefasta xestión do goberno de Moaña non a entende ninguén”, manifestaron desde o PP.
Neste senso, os populares consideran que o executivo nacionalista incurríu nunha actitude de “obcecación e pechazón” para non asumir responsabilidades simplemente porque, en moitas ocasións, as distintas administracións non fan as cousas “ao sectario xeito do BNG”. Pero en todo caso, sinalan que non aceptar unha oferta tan beneficiosa, posto que os terreos eran cedidos pola Sareb de balde e logo só había que traspasalos á Xunta, só obedece “a unha política sectaria, que cansa aos veciños, e na que non existe nin un mínimo de xestión polo que se leva ao Concello ao abismo”.
“Se a xestión da alcaldesa que poden agardar os moañeses é a de quen perde un investimento millonario no ámbito de maior necesidade, como é a vivenda, o mellor que pode facer é marchar para a súa casa porque é evidente que a súa actuación neste asunto foi lamentable”, apostillou o voceiro, Alfonso Piñeiro, que cre que Leticia Santos debe dar moitas explicacións en torno a este proxecto.
Para o representante popular, a asamblea convocada o luns pola rexedora para informe deste asunto “é a xuntanza da vergoña”, xa que adiantaron que só vai ofrecer excusas e tratar de eximir as súas evidentes responsabilidades pola perda de 289 vivendas públicas.
Ademais, adiantou que a alcaldesa vai soster o argumento de que non debía aceptar os terreos da Sareb alegando que a vivenda non é unha competencia municipal, “que é algo non que discrepamos xa que é un grave problema que nos corresponde a todos”, e ademais indicaron que esa postura “demostra a súa política de contradiccións, posto que o Concello si vai a construír 10 pisos públicos en Sisalde no marco do proxecto de miniauditorio que non responde ás necesidades nin do tecido cultural nin dos veciños”.