O PP de Moaña denuncia un caso de presunta corrupción do goberno do BNG pola petición de ofertas exclusivamente a un mesmo empresario nun proceso negociado
Venres, 27 de febreiro de 2026
O grupo municipal do PP de Moaña vén de denunciar un caso de presunta corrupción do goberno local do BNG na contratación e adxudicación dun contrato menor para a celebración dun evento organizado polo Concello, posto que recurriron, como corresponde, a un procedemento negociado coa solicitude de tres ofertas pero pedíronlle todas exclusivamente a un mesmo empresario de xeito directo ou a firmas ás que está vencellado.
Os populares desvelaron está práctica de “caciquismo e amiguismo” co gallo da súa moción na que demandaban transparencia e igualdade de oportunidades ao goberno nacionalista de Leticia Santos, xa que consideran que “manexa o Concello como o seu cortijo e como se fora a sede do BNG sen ningún respecto polo que se debe facer cos cartos públicos”.
Nese punto, o voceiro do PP, Alfonso Piñeiro, desvelou que na xunta de goberno local do pasado 27 de outubro, tal e como reza na súa acta pública, figuran as tres ofertas e orzamentos que se pediron para a subministración de elementos destinados a un evento do Concello e as mesmas foron solicitadas á firma dun empresario, a el mesmo en calidade de autónomo e a outra empresa que dirixíu anteriormente e que neste momento encabeza a súa irmá.
“Se non é unha cacicada de manual, tan propia do BNG de Moaña en moitos actos, especialmente culturais, se lle parece moito, porque se se lle piden orzamentos a un só empresario, teoricamente para obter o prezo máis axustado e respectar o bo uso dos fondos públicos, o normal é que a adxudicación acabe en mans dese empresario”, ironizou o concelleiro popular.
Ademais, o edil do PP calificou de “moi significativa” a situación que se producíu no pleno cando se revelaron estes datos, xa que tanto a alcaldesa como os demais edís do BNG se negaron a dar explicacións deste caso de presunta corrupción. “Deberon sentirse pillados na allada porque a rexedora nin me advertíu nin me expulsou, como fixo coa compañeira Estela Santomé no pleno da mancomunidade, malia que a interrumpín reiteradamente protestando polo seu escurantismo e esíxindolle transparencia”, sinalou Piñeiro.
Finalmente, o PP de Moaña anunciou que o goberno do BNG “non vai poder escapar” deste asunto, porque é a situación máis evidente duns feitos que se repiten e os populares van insistir con todas as ferramentas administrativas e legais ao seu alcance para se investigue a adxudicación de contratos menores do Concello de Moaña e a posible comisión de ilegalidades.