O PP de Moaña denuncia a falta de transparencia e o bloqueo á información municipal do goberno do BNG respaldado pola resolución da Valedora do Pobo

Martes, 18 novembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Moaña vén de denunciar a total falta de transparencia e o bloqueo á información municipal por parte do goberno local do BNG respaldado pola resolución da Valedora do Pobo ante a queixa presentada polas “enormes dificultades” interpostas polo executivo de Leticia Santos para acceder a expedientes, facturas ou dependencias municipais.

Os populares cren que a política “escurantista” do Bloque ao fronte do Concello só pretende “agochar as anomalías da súa xestión e entorpecer a fiscalización e control da labor do goberno por parte da oposición” e lembraron que negouse a ofrecer información detallada da instalación dun palco, as facturas de publicidade institucional do ano 2023 e os gastos do Festival de Jazz e impedíu o acceso ás instalacións do vello consistorio.

Neste senso, o PP moañés revelou que a Valedora do Pobo, no seu ditame, recalcou que o acceso á información é “indispensable” para os representantes públicos e considera insuficiente a alegación do Concello en base a problemas organizativos e as remisións a que moita da información atópase publicada en distintos espazos xa que en moitas ocasións é incompleta. “A publicación dun contrato non esgota a información sobre un expediente”, advirten desde a  Valedoría, que engaden que a situación de esforzo do Concello “non é causa suficiente para a denegación da documentación, posto que sería tanto como negar a normativa de transparencia”.

Desde a institución que preside Dolores Fernández Galiño recomenda que se dea acceso á información municipal de maneira “axeitada e rápida” e que se garanta a entrada en todas as dependencias municipais dos representantes públicos, ao tempo que, pola resposta outorgada polo Concello de Moaña, entende que non acepta a queixa formulada polo PP.

Por todo elo, os populares lamentaron as “vagas excusas” trasladadas polo executivo do BNG á Valedora, que ademais cren que só reflicten a súa incapacidade para organizar axeitadamente o traballo e o persoal do Concello, e anunciaron que seguirán reclamando o acceso aos expedientes e facturas e a entrada en dependencias municipais, “que cremos que se nos impiden polas moitas eivas da xestión nacionalista en Moaña”.