O PP de Moaña denuncia a falta de recollida de restos de poda por todo o concello desde hai semanas e lamenta a mala imaxe e as incomodidades aos veciños
Venres, 5 de setembro de 2025
O grupo municipal do PP de Moaña vén de denunciar a falta de recollida de restos de poda por numerosos puntos do concello desde hai varias semanas e lamenta que esta inacción e falta de xestión do goberno do BNG cause unha mala imaxe e provoque incomodidades aos veciños, xa que moitos destes residuos acumúlanse en beiravías, beirarrúas, calzadas, prazas de aparcamento ou accesos aos contedores do lixo.
Ante esta situación que se mantén desde a parte central do verán, os populares esixen ao executivo de Leticia Santos que proceda á retirada inmediata da maleza, arbustos, follas, ramas e troncos acumulados en diversos puntos do municipio, como o paseo marítimo, os cemiterios de Domaio e Moaña ou zonas da Guía, Tirán, Paradela ou Meira, entre outras.
O PP pídelle ao goberno do Bloque “que se deixe de excusas e xustificacións e se poña a traballar a prol dos veciños”, xa que lembraron que o mesmo lle vale trasladar a responsabilidade á Mancomunidade, gobernada por eles mesmos, como falar de que o camión está avariado. “Dixeron que o vehículo de recollida estaba estropeado e que non pudieron facer o arranxo pola ponte de agosto, pero é que non houbo ponte, só un venres festivo, e, en todo caso, xa van máis de dúas semanas desde aquela e aos veciños elles igual, non merecen ese trato, así que como se teñen que alugar outro camión”, apuntou o voceiro municipal, Alfonso Piñeiro.
O concelleiro popular indicou que existe un forte malestar de gran parte da veciñanza por esta situación prolongada no tempo, xa que estes restos de poda son, en moitos casos, de grandes dimensións e ocupan zonas importantes de espazo público. “Non sabemos se o BNG de Moaña está montando unha empresa forestal ou anda agardando a que esa natureza morta comece a compostar para implantar o seu novo modelo de recollida de lixo agora que funciona tan mal no noso concello”, ironizou o edil.
“A decadencia do Concello é absoluta, non se atende en condicións a nada do que afecta no día a día dos moañeses e, principalmente, o que se leva a palma son os temas de Medio Ambiente que están en mans de Dolores Chapela, xa que toda a súa xestión é un desastre de máximo nivel”, concluíu Piñeiro.