O PP de Moaña critica o “suma e segue” na voracidade fiscal do BNG coa regularización do IBI e a suba da taxa da piscina e alerta de que a presión fiscal superará os 400 euros por habitante en 2026

Martes, 4 de novembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Moaña vén de criticar a política de “suma e segue infinitos” do BNG local no marco da súa voracidade fiscal sen límites, xa que lamentaron que, á brutal suba do lixo fixada entre o 90% para as vivendas e ata o 600% para os negocios, haberá que engadir tamén o vindeiro ano a regularización do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para aqueles que sufrirán modificacións nos últimos catro anos e a recente suba da taxa da piscina municipal nun 7%.

Ante esta situación, os populares indicaron que a presión fiscal por habitante dispararase por riba dos 400 euros por habitante ao ano en 2026, xa que as distintas recadacións fiscais, tanto as propias como a do lixo a través da Mancomunidade, rebasarán claramente os 7 millóns de euros. “Van deixando todo absolutamente abandonado, pasan absolutamente da xestión e a única solución só pasa por máis e máis impostos para tentar arranxar as súas desfeitas con cartos en vez de que con atención e traballo”, lamentou o voceiro, Alfonso Piñeiro, que cre que a alcaldesa, Leticia Santos, está a converter o concello nun “auténtico inferno fiscal”.

Neste senso, o PP local lamentou a “nefasta xestión” do goberno do Bloque no caso da piscina municipal, xa que permitíu o seu abandono, presentando pingueiras, avarías e moitas outras deficiencias por non esixir o mínimo mantemento recollido en contrato á concesionaria, “e agora pretenden pagar todas as obras necesarias a través dos veciños espetándole unha suba do 7% nas tarifas”. Ao respecto tamén criticaron que as bonificacións non sexan equitativas, posto que para os traballadores municipais alcanzan o 50%, pero para os colectivos máis vulnerables quédanse no limiar do 40% “e cremos que non debería haber ningún recurte para o persoal pero cando menos deberían incrementarse ata ese 50% a do resto de persoas desfavorecidas”.

Paralelamente, o PP de Moaña tamén criticou a inacción absoluta do Concello na regularización do IBI que está levando Catastro, dependente do Ministerio de Hacienda, para incluír no padrón as modificacións dos inmobles nos últimos catro anos. “Se se estiveran preocupados pola xente estas cuestións poderían ser máis dilixentes para non ter que pagar catro exercicios de súpeto, que é unha contía que pode ser moi elevada para bastantes veciños, porque a alcaldesa sempre busca excusas é di que é unha cuestión allea ao Concello, agás para cobrar, xa que a recadación recíbese íntegra nas arcas municipais”, concluíu.