O PP de Moaña cre que os Orzamentos Municipais 2026 abocan ao Concello “ao abismo” cun crédito de 7,3 millóns para un proxecto ineficiente e cativo de auditorio

Sábado, 21 de marzo de 2026.-

O grupo municipal do PP de Moaña vén de facer a súa valoración do proxecto de Orzamentos Municipais 2026, presentado polo BNG e que se debaterá no próximo pleno ordinario, sinalando que estas contas abocan ao Concello “ao abismo”, tras anos de parálise, coa solicitude dun crédito desorbitado de 7,3 millóns de euros para un proxecto ineficiente e cativo de auditorio en Sisalde.

Os populares explicaron que o plan económico “segue a mesma liña de xestoría e ineficiente” dos exercicios anteriores, pero nesta ocasión o Bloque optou por ir máis alá da parálise e inacción deste mandato e decidíu “darlle a puntiña ao Concello tras tres anos de desfeita” co endebedamento en máis de 7 millóns de euros para un proxecto rexeitado pola maioría da cidadanía.

“Pretenden endosarlle ás arcas municipais un pufazo para facer un auditorio pequeno, que non chegan nin a 400 butacas cando eles mesmos presentaron un de máis de 500, que era a esixencia do mundo cultural, hai sete anos, e que aínda por riba conta no mesmo edificio con dez vivendas malia as incompatibilidades entre os usos socioculturais e residenciais nun mesmo bloque. Estamos ante unha auténtica cafrada que, ademais, vai deixar tremento as contas públicas”, advertíu o voceiro, Alfonso Piñeiro, que adiantou que o PP vai votar en contra, por responsabilidade, duns orzamentos “elaborados de costas aos intereses dos veciños”.

Ademais deste préstamo bancario que marca todo o proxecto económico para este ano, o concelleiro popular tamén revelou que os informes técnicos de Secretaría e Intervención confirman as moitas eivas destas contas, posto que sinalan especificamente que hai un gasto disparado en persoal e servizos correntes –preto de 11,5 millóns do total de 15 millóns– cando se debería optar pola contención nestes dous apartados, o incumprimento do principio de estabilidade orzamentaria, as irregularidades nos contratos menores “polos que se van moitos cartos para favorecer a persoas afíns” e un absoluto descontrol nas horas extra e no pago de produtividades ao persoal municipal, entre outras cuestións.

Así mesmo, o edil do PP indicou que volve a repetirse o “voraz afán recadatorio” a través dos impostos, xa que os moañeses pagarán máis de 7 millóns de euros en tributos ao longo de presente ano –5,7 millóns previstos nas contas aos que hai que engadir a taxa do lixo a través da Mancomunidade–, pero sen que iso repercuta nos aspectos que máis benefician á veciñanza, xa que os investimentos volven estar protagonizados polo “rescate continuo da Deputación coas súas importantes achegas moi por riba do millón de euros” e as subvencións aos colectivos seguen estancadas en 150.000 euros, unha cantidade que considera “insuficiente”, xa que non ten conta a forte inflación, o seu importante papel dinamizador e que se sitúa moi por baixo que as transferidas por concellos con moita menos poboación que Moaña.