O PP de Moaña cre que a alcaldesa “perdeu totalmente o rumbo” por insistir nunha “mentira” sobre o PAC para, nesta ocasión, verter amenazas sobre o servizo sanitario
Luns, 8 de setembro de 2025.
O grupo municipal do PP de Moaña valorou moi negativamente as manifestacións da alcaldesa, Leticia Santos, co gallo da marcha da sanidade celebrada onte, xa que cre que as súas palabras “denotan que perdeu totalmente o rumbo” por insistir nunha “mentira” sobre as urxencias no futuro Punto de Atención Continuada (PAC) de Sisalde para, nesta ocasión, verter amenazas sobre un servizo sanitario, xa que dixo que impediría a súa apertura.
“Xa non sabe como seguir mantendo as súas falsidades, aínda que os veciños cada vez a teñen máis calada e por si estana abandonada cada vez máis neste camiño cara ningures, e por iso ten que dar unha volta de torca surrealista, porque o convenio do centro de Sisalde non se está incumprindo por dúas razóns: a primeira é que aínda está en obras e a segunda é que nese edificio está, para quen o queira ver, a zona de urxencias. Por elo, só podemos dicir que as súas ameazas, ademais de falaces, son impresentables porque ela non é quen de pechar ou abrir un centro de saúde e, ademais, preguntámonos se pretende deixar sen sanidade pública aos moañeses”, indicaron desde o PP.
Os populares, que percibiron a frustración da alcaldesa pola baixa afluencia á manifestación “que estaba máis preto das 500 persoas que das 1.000”, esíxenlle que cese “o seu numeriño teatral”, xa que ela mesma admitíu que non están pedindo as urxencias para a Casa do Mar senón para o futuro PAC “polo que, agora que sacou a careta, ninguén entende todo este espectáculo agás que sexa para tapar a súa nefasta xestión, porque ten absolutamente todo sen atender, cunha vila que está levando á decadencia e cuns servizos públicos e unha atención aos veciños totalmente deficientes”.
Iso si, o PP moañés tamén lle pedíu que, no canto de seguir coa súa campaña electoral baseada na confrontación e a mentira, dea explicacións a todos os veciños sobre os motivos polos que “traizoou ao pobo” asinando a perda definitiva das urxencias cando chegue o novo Centro Integral de Saúde do Morrazo, que estará en Cangas “e que se levará para sempre este servizo por obra e graza, máis ben de desgraza, de Leticia Santos”.
Finalmente, e respecto ás súas manifestacións de que o CIS nin está nin se lle espera, os populares de Moaña lembraron que esta obra xa tiña que estar en marcha hai tempo e que se se está a retrasar “é simplemente pola neglixente xestión do BNG, neste caso en Cangas, que non é quen de ceder os terreos á Xunta nunha mostra máis da incompetencia do Bloque en todo aquello que toca sexa no concello que sexa”.