O PP de Moaña arremete contra o BNG polos “recurtes” no proxecto do auditorio, xa que hai 18 anos promovía e esixía un de 511 butacas e agora redúceo a 395 con vivendas enriba

Venres, 26 de setembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Moaña vén de arremeter contra o goberno do BNG polos “importantes recurtes” realizados no proxecto do auditorio de Sisalde, xa que lembraron que ese mesmo partido hai 18 anos promovía e esixía un recinto sociocultural con 511 butacas e agora redúceo a só 395 -un 23% menos de capacidade- e ademais estea aquilatado pola presenza de vivendas sociais na parte superior.

Os populares, que insisten en que o máis acaído é a súa proposta para destinar esta parcela de Sisalde a construír varias decenas de vivendas sociais da man da Xunta e buscar unha parcela máis ampla para un gran auditorio, criticaron o cambio de postura do Bloque, xa que lembraron que, no seu día, respaldaron ás plataformas culturais e participaron dunha das manifestacións máis multitudinarias da historia “para reclamar o auditorio que Moaña merecía”.

Por elo, lamentan que a alcaldesa, Leticia Santos, se conforme agora “cun edificio máis cativo e apretado como se a nosa cultura e as nosas necesidades nesta materia fosen a menos cando, ao revés, están medrando estas manifestacións e tamén a cifra de habitantes do noso concello”. “Cremos que esta proposta, despois de todo o que dixo o BNG do auditorio, é un insulto porque non imos ter o edificio sociocultural que necesitamos”, sinalou o voceiro, Alfonso Piñeiro.

Ademais, o PP moañés calificou de “surrealista” que este proxecto “minguante e reducionista” teña que ser pagado, ademais, recurrindo a un préstamo millonario co conseguinte incremento da débeda, “o que cercenará outros servizos e investimentos e todo elo para facer un proxecto peor que o de hai 18 anos”. “En Moaña con Leticia Santos imos para atrás e a menos en vez de para adiante”, remarcou o voceiro popular.

Ademais, os populares consideran normal que a Xunta non invista neste proxecto do BNG, xa que hai numerosas razón para desbotalo, xa que “se trata dunha mala actuación que non responde ao que sempre defendeu o pobo, porque son incompatibles os usos socioculturais e residenciais nun mesmo inmoble, porque os terreos son inviables desde o punto de vista técnico e porque, ademais, é difícil chegar a algún acordo cunha alcaldesa que insulta constantemente á propia Xunta da que quere os cartos”.