O PP de Moaña aplaude que a alcaldesa admita que os veciños xa asumen que ela sentenciou as urxencias “ao traizoar ao pobo asinando que se vaian para sempre ao futuro CIS do Morrazo”

Luns, 11 de agosto de 2025.-

O grupo municipal do PP de Moaña vén de efectuar unha valoración da situación das “minguantes protestas sanitarias do BNG” na vila tras unha nova concentración este pasado domingo e aplaudíu que a alcaldesa, Leticia Santos, xa admita abertamente en público que a maioría dos veciños xa asumen e saben que foi ela quen sentenciou para sempre as urxencias na vila “ao traizoar e vender o pobo asinando que se vaian para sempre ao futuro CIS do Morrrazo, que estará emprazado en Cangas”.

“A rexedora segue coa súa falsa loita, porque só ela e os seus palmeiros do BNG son quen non quere as urxencias porque se lles acaba a leria, pero é unha loita ademais cativa, porque reclama un servizo que só imos ter uns poucos anos pola súa exclusiva responsabilidade. O compromiso da Xunta co CIS do Morrazo é firme, e cando os seus compañeiros de Cangas arranxen o dos terreos, comezará a conta atrás para perder para sempre as urxencias pola decisión única de Leticia Santos, así que en vez de protestar debería agocharse ou pedir perdón”, sosteñen os populares moañeses, que cre que a rexedora xa di que está asumido pola poboación “para poñer a venda antes da ferida porque sabe o que se lle vén enriba, e que é o efecto bumerán de vivir tanto tempo da mentira”.

O PP local tamén se pregunta que está a reclamar o BNG nas concentracións dominicais despois de recoñecer, no último pleno, que non piden o seu regreso á Casa do Mar, “tal e como dixo abertamente Gabriel Ferral que le o que lle di a súa xefa”. “Se non as queren na Casa do Mar, como di o sentido común e tamén os profesionais, que fan os domingos? Porque polo momento o centro de saúde de Sisalde no está rematado”, cuestionaron os populares, que tamén ironizaron coas intención da alcaldesa de recrudecer as protestas “con frases de ton belicista como ‘apretar os dentes’ ou ‘non é un pulso fácil’ tan alonxadas do suposto pacifismo do BNG”. “A explicación é ben fácil teñen que tentar manter a tensión porque caéuselles a careta e a xente estalles marchando”, detallaron, antes de revelar que os nacionalistas “como falan moito disto, e falan sen sentido, ao final a eles mesmos se lles acaba escapan a verdade de todo este asunto”.

O PP moañés tamén deixou claro que, máis alá das restriccións pola pandemia e pola imposibilidade sanitaria de que o actual centro de saúde acolla actualmente as urxencias, o concello xa disporía deste servizo hai tempo se o executivo nacionalista fixera un mínimo de xestión no canto de adicar todos os seus esforzos ás protestas, a crispación e o enfrontamento: “Moaña xa tería este servizo operativo hai moito tempo no novo centro de saúde de Sisalde, iso si só provisionalmente porque Leticia Santos vendeu ao pobo, se o goberno nacionalista non estivera anos para facer a tramitación urbanística dos terreos cun enorme retraso, porque se os tiveran entregado en tempo e forma o edificio estaría acabado e funcionando”.

Médicos de tarde e ambulancia grazas ao PP

Polo demais, os populares quixeron deixar claro que a alcaldesa “segue mentindo con cara de formigón armado” sobre a dotación do actual centro de saúde, “xa que toda Moaña sabe que os médicos en quenda de tarde e a ambulancia que facilita a xestión das urxencias foron xestionadas directamente polo PP, porque ela non adica nin un minuto a facer nada construtivo, e menos en materia sanitaria, onde por onde pasa só deixa un regueiro de destrucción”.

O PP de Moaña tamén quixo valorar moi positivamente que a Xunta de Galicia non acudise á comisión de seguimento convocada unilateralmente por Leticia Santos a semana pasada, xa que considera que “como integrantes do PP alegrámonos moito de que o Goberno galego e o partido que o sustenta, que son os nosos compañeiros, non acudan a actos políticos do BNG, como as concentracións ou esta suposta comisión, e que vai ter continuidade cun presunto recurso xudicial que apunta a ridículo espantoso pagado por todos os moañeses”.

Finalmente, os populares indicaron que o problema da sanidade pública se atopa na atención primaria e nas urxencias exclusivamente pola falta de profesionais, “que afecta a Moaña, Galicia, Asturias, Cataluña e toda España”, polo que lle afearon ao BNG que votase en contra da proposta do PP no Parlamento galego para esixirlle ao Goberno de España que habilitase máis prazas formativas de médicos de familia, ao que se nega en redondo o executivo de Pedro Sánchez