O PP de Moaña afea que a alcaldesa se lembre dos problemas do vial do Con tras anos de inacción e acúsaa de ser a única responsable de que non se corrixiran as súas eivas
Xoves, 5 de xuño de 2025.-
O grupo municipal do PP de Moaña vén de afearlle á alcaldesa, Leticia Santos, que se lembre agora dos graves problemas estruturais do vial do Con tras practicamente cinco anos de inacción absoluta malia as reclamacións da formación popular e as queixas dos veciños e acusouna de ser a única responsable de que non se corrixiran as súas eivas en todo este tempo.
O PP local califica de “lamentable” que o goberno nacionalista “tivera que caer da burra do seu total pasotismo” cando se producíu un socavón de grandes dimensións e se tivese que proceder ao corte ao tráfico da rúa José Costa Alonso, coas conseguintes molestias para os veciños, “para facer ver que lle esixe en serio a súa reparación a Costas do Estado, pero realmente non cremos moito que se tomen este tema en serio, xa que dixeron que había que facer un informe e que viñan de contactar con este departamento, polo que semella que van seguir perdendo o tempo, porque o tema xa tiña que estar máis que reclamado”.
Os populares indicaron que este vial e o muro do Fiunchal “presentan graves problemas estruturais desde hai tempo que eran coñecidos por toda Moaña” e, malia que son de titularidade estatal, está claro que o goberno local é responsable de reparar as infraestruturas e equipamentos da vila e do concellou ou de esixirlle incansablemente a reparación aos seus titulares, neste caso o Goberno de España.
“O PSOE de Madrid pasa de Moaña e a alcaldesa di que chove, pero se a administración estivera rexida polo PP…. outro galo cantaría, o que demostra que estamos ante unha alcaldesa que, ademais de sectaria, é incapaz de actuar como tal e defender os intereses dos veciños, só lle preocupa que na súa sede de Santiago a vexan como máis nacionalista que a bandeira coa estrella”, sinalou o voceiro, Alfonso Piñeiro.
Esta actuación neglixente e pasota tamén a extenderon desde o PP de Moaña á falta de limpeza da finca privada da rúa García Arenal, cuxa maleza desborda e afecta a ata cuatro rúas da vila e que, segundo a rexedora, vai comezar a abordarse agora, tras anos de queixas e despois de que os veciños lle afearan a súa conduta no pasado pleno e na reunión celebrada o martes. “Mentíu descaradamente porque dixo que isto ten uns procesos que levan tempo, pero é que nin os iniciaran, xa que esta semana aínda dixo que ía proceder á apertura do expediente de execución voluntaria, é dicir, que aínda llo vai pedir ao propietario”, manifestou o concelleiro.
Para o PP, este abandono de funcións en practicamente todo os temas de interese xeral e fundamentais do día a día veñen a confirmar que Leticia Santos “é unha magnífica líder da oposición, xa que cumpre á perfección todos os requisitos para protestar, pero non serve para nada cando se trata de solucionar ou xestionar”.
Neste senso, os populares auguraron que, cando se consume o traspaso do vial do Con á Xunta nuns 25 días ao abeiro da entrada en vigor da Lei do Litoral, comezarán as manifestacións para a súa reparación, se o Estado non o fai neste breve prazo de tempo, “nun novo exercicio de desvergoña e ineficiencia do BNG. “Cremos que as manifestacións contra a Xunta poderían convocarse os sábados, porque os domingos xa están collidos, e poderían facerse ideas reivindicativas moi orixinais como colgar unha pancarta e unha bandeira negra para pedir que se arranxe esta estrada. Afortunadamente, non haberá que facer máis gastos, porque o megáfono que nada resolve xa está comprado”, ironizou Piñeiro.