O PP de Moaña acusa ao goberno local de admitir a súa absoluta incapacidade para solucionar o grave problema da falta de aparcamento e reclama a creación de prazas

Venres, 5 de xuño de 2026

O grupo municipal do PP de Moaña vén de acusar ao goberno local de Leticia Santos de admitir a súa absoluta incapacidade para solucionar o grave problema da falta acuciante de prazas de aparcamento na vila por renunciar a afrontar esta situación recomendándolle aos veciños que se despracen andando e anuncia o despregamento de iniciativas para reclamarlle ao Concello a creación de prazas céntricas, públicas e gratuítas.

Os populares sinalan que a presentación, esta mesma semana, da campaña “Cada Paso Conta” para defender que os veciños se movan pola vila a pé e renuncien por completo a empregar o coche “é unha simple excusa polo caos circulatorio, o colapso e a inexistencia de prazas de estacionamento á que nos levou máis dunha década de gobernos nacionalistas con humanizacións, coas que estamos a favor, pero que se executaron coxas por non artellar ningunha medida para paliar a destrucción de prazas”.

A formación liderada por Alfonso Piñeiro calificou esta iniciativa de “fuxida cara adiante” e lamentaron a “deixación de funcións” do executivo municipal por renunciar a crear máis prazas malia ser a súa obriga e formar parte das súas exclusivas competencias. “Como non son capaces de encontrar e aplicar solucións para crear máis estacionamento, que é posiblemente a principal demanda dos veciños, optan por solución que están ben como complemento, pero que non pode ser o eixo central da mobilidade”, manifestou o voceiro municipal.

Neste senso, o PP indicou que esta recomendación dos desprazamentos a pé pretende deixar fóra da mobilidade á xente maior, veciños con mobilidade reducida ou a aqueles que fagan compras e leven cousas de certo peso, entre outros colectivos, e tamén lamentou que se aferren, a modo de excusa, aos beneficios para a saúde, o aforro económico e o respecto ambiental “pero non falen do prexuízo ao comercio ou da antedita imposibilidade de moverse andando de moitos sectores da poboación ou nos días de mal tempo e choiva simplemente por non admitir a súa incapacidade e pedir desculpas por non ser capaces de crear aparcamento”.

Finalmente, os populares de Moaña tildaron de “ridículo” que o BNG fíe a superación dos graves problemas de aparcamento a unha campaña para recomendarlle aos veciños que se despracen andando e cre que esta situación confirma que “estamos ante un goberno totalmente sobrepasado e sen capacidade de xestión e de solucionar os problemas dos veciños”.

“Coller as medidas de Pontevedra, só porque tamén ten un goberno do BNG, contratar a unha empresa de Pontevedra e tentar que Moaña sexa Pontevedra é un erro flagrante, porque non ten nada que ver unha cidade cunha vila e porque en Pontevedra a falta de aparcamento é a principal queixa da xente e a iso nos estamos levando malia que Moaña necesita solucións propias e non un ‘copia e pega’ por falta de ideas, traballo e liderado”, concluíu.