O PP de Moaña acusa ao goberno do BNG de “utilización partidista e sectaria” das xornadas de debate dos IES para tentar aleccionar ao estudantado

Martes, 10 de febreiro de 2026

O grupo municipal do PP de Moaña vén de acusar ao goberno local de BNG de facer unha “utilización partidista, sesgada e sectaria das xornadas de debate dos IES organizada polo Concello co único obxectivo de tratar de aleccionar ao estudantado. Neste senso, lamentaron as “intencións políticas escuras e de parte” do executivo de Leticia Santos co gallo do debate Incrementaría o benestar da cidadanía un goberno de ultradereita?, que terá lugar mañá pola tarde no salón de plenos coa participantes de alumnos dos centros públicos As Barxas e A Paralaia.

Os populares deixaron claro que se atopan “moi distantes e alonxados” dos postulados políticos e as propostas dos partidos de ultradereita, pero critican que o Bloque trate de empregar estas accións formativas, pagadas con diñeiro público e orientadas e menores de idade, para criticar opcións políticas distintas da súa e tratar de conseguir apoio electoral. “Con independencia de que non se trata dunhas xornadas de debate variadas, diversas e cun tratamento institucional das distintas alternativas que teñen os cidadáns, só o cartaz de presentación, presentando unhas opcións moito máis bonitas e agradables que outras, xa demostra as verdadeiras intencións sectarias do BNG local”, explicou o voceiro, Alfonso Piñeiro.

Por iso, o PP de Moaña esíxelle á alcaldesa, Leticia Santos, e aos seus compañeiros que “deixen de usar o Concello como se fose a sede do BNG, que é algo que levan facendo durante a última década” e engadíu que esta utilización partidista vese en todas as cuestións, incluíndo o emprego do perfil oficial do Concello nas redes sociais para emitir respostas e comentarios sectarios e radicais propios do BNG moi alonxadas do posicionamento institucional e oficial que debe ter a administración local.

Os populares, que indicaron que o malestar pola utilización destas xornadas é compartido por gran parte da cidadanía como se pode apreciar nas respostas da xente ao anuncio desta actividade nas redes sociais oficiais, animaron ao goberno do BNG a “actuar con aperturas de miras e con ecuanimidade” e organizar tamén xornadas sobre outras opcións políticas para respectar a igualdade de oportunidades. “Cremos que sería moi interesante levar a cabo un debate xuvenil sobre se a xestión do nacionalismo radical incrementaría o benestar da cidadanía e incluso podería falarse de casos prácticos e cercanos que todos coñecemos, como a recollida e a taxa do lixo, o afundimento do Con ou o paseo de Seara, por só citar algúns exemplos”, concluíu Piñeiro.