O PP de Moaña acusa ao goberno do BNG de agochar a crecente inseguridade baixo a excusa da alarma social e responsabilízao do deterioro da tranquilidade e da convivencia

Venres, 13 de marzo de 2026.-

O grupo municipal do PP de Moaña vén de acusar ao goberno local do BNG de agochar a crecente inseguridade cidadá no que se refire aos delictos de agresións, roubos e tráfico de drogas e de non artellar nin propoñer ningunha medida malia a preocupación veciñal empregando a excusa da alarma social. Ademais, os populares responsabilizaron en exclusiva ao executivo de Leticia Santos do deterioro da tranquilidade e da convivencia social no concello, polo seu absoluto pasotismo e abandono nesta materia.

“A concelleira María Ortega di que causamos alarma social exclusivamente para tratar de ocultar o problema, pero aínda que nos acuse falsamente disto, a realidade é que a xente de Moaña está moi preocupada”, manifestou o voceiro municipal, Alfonso Piñeiro, que rexeitou que culpar ao PP dá risa e non resolve o problema: “Alarma social cáusana os que delinquen e agrávase polo pasotismo do goberno por non reforzar a Policía Local nin aumentar a colaboración coa Garda Civil”.

Neste senso, Alfonso Piñeiro recalcou que é tan certo que o ano pasado baixou a criminalidade xeral en Moaña con respecto a 2024 -aínda que aumentou en comparación con 2023-, como que aumentaron fortemente as agresión nun 59%, os roubos con forza nun 20%, os hurtos nun 3% e os danos sobre a propiedade, especialmente vehículos, nun 26%. Así mesmo, tamén se está a detectar un incremento do tráfico de estupefacientes, en moitas ocasións a plena luz do día e incluso preto de parques infantís con presena de menores

O voceiro municipal do PP recalcou que estes datos, obtidos do informe de balance da Policía Local correspondentes ao ano 2025, son “demoledores”, posto que reflicten un importante aumento dos “delictos que máis lle preocupan aos moañeses, porque son os que causan máis impacto e deterioran máis a convivencia, pero aquí hai que sacar á alcaldesa e aos concelleiros do BNG, que viven no seu mundo e que si se senten protexidos porque, chegado o caso, poden ter ata catro axentes á súa disposición para botar a unha concelleira dun pleno só por defender aos veciños”.

“Non é ningún segredo para ninguén que ao BNG non lle gustan nada os corpos e forzas de seguridade, pero cando se goberna é imprescindible xestionar as cousas que lle importan á xente e, por moito que digan os do Bloque, a policía e a Garda Civil fan un traballo fundamental e imprescindible para que Moaña sexa un sitio tranquilo, sempre que desde o goberno haxa colaboración e implicación e se queira manter a convivencia”, concluíu Piñeiro, que lamentou a falta de autocrítica e de solucións por parte do Bloque.