O PP de Moaña acusa a Leticia Santos de “mentir” sobre a negativa da Xunta a construír vivenda pública, posto que Vivenda lle ofreceu a máxima colaboración

Venres, 11 de setembro de 2026

O grupo municipal do PP de Moaña vén de acusar á alcaldesa, Leticia Santos, de “mentir descaradamente” sobre unha suposta negativa da Xunta de Galicia a construír vivenda pública nas Raíñas aínda que o Concello asumise a preceptiva e obrigatoria urbanización, xa que recordou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) ofreceulle a máxima colaboración para dotar un parque residencial protexido no termo municipal.

“As mentiras e falsidades da rexedora só se entenden porque o tema venlle moi grande e porque todas as administracións lle están a dicir que non ás súas propostas, polo que está tentando cambiar o relato para tratar de agochar o seu clamoroso fracaso nun asunto dunha importancia vital para o futuro de Moaña”, aseverou o voceiro municipal, Alfonso Piñeiro.

Así, os populares reiteraron que tanto o Goberno galego, rexido polo PP, como a Sareb, dirixida polo PSOE, rexeitaron tanto a cesión directa entre a sociedade estatal e a Xunta como a inclusión destas sete parcelas do Plan Parcial A Xunqueira A-2 no proxecto ‘Casa 47’ do Goberno de España. Estas negativas “non obedecen a ningunha persecución nin a Moaña nin a Leticia Santos, senón ao sentido común, porque o quere a alcaldesa incumpre a normativa”, sinalou o concelleiro popular.

Ademais, lembraron que todas as partes lle están a ofrecer unha solución “moi sinxela” que se nega a aceptar por “teima, sectarismo e incapacidade” e aseguraron no entender porque non se acolle á cesión gratuíta dos terreos por parte da Sareb e procede á transformación da zona coa correspondente urbanización para mudar a catalogación de Solo Urbanizable pola de Solo Urbano Consolidado, que é a que esixe a Xunta para construír vivenda pública protexida.

“A alcaldesa está totalmente perdida e desnortada, botándolle a culpa a todo o mundo menos a quen realmente a ten: ela mesma”, apostillou Alfonso Piñeiro, que revelou que este proxecto se atopa na actualidade nun momento clave e se pode perder se Leticia Santos segue con esta actitude: “A Xunta está xa elaborando os seus orzamentos para o próximo ano e, se Moaña non consegue os terreos de xeito rápido e se compromete a urbanizalos, imos quedar sen partida para vivenda pública nas contas autonómicas de 2027 pola exclusiva responsabilidade da rexedora e do BNG”.