O PP de Moaña acusa á alcaldesa de falta de transparencia e escurantismo por rexeitar un informe de legalidade do proxecto de vivendas en Sisalde ante as dúbidas e irregularidades
Venres, 18 de setembro de 2026
O grupo municipal do PP de Moaña vén de acusar á alcaldesa, Leticia Santos, de falta de transparencia e escurantismo por rexeitar a súa petición de que se emita un informe técnico sobre a legalidade do proxecto de vivendas sociais no futuro edificio do auditorio de Sisalde malia que existen moitas dúbidas e irregularidades sobre o cumprimento da normativa urbanística.
Os populares non entenden porque a rexedora se agocha nun documento asinado por un arquitecto xa xubilado e acepta a solicitude dun novo informe: “Se todo é legal non se comprende esta pechazón porque daría máis seguridade xurídica, pero cremos que ela sabe que hoxe en día ningún técnico do Concello avalaría a edificación residencial pública tal e como está concebida, con só 1.220 m2 cando o PXOM recolle para ese PERI un mínimo de 1.700 m2.
Nese senso, reiteraron que a parcela 4 do PERI do polígono 11 de Sisalde, que é onde se vai ubicar o auditorio cos pisos enriba, esixe un mínimo dun 30% de edificabilidade para vivendas públicas e, no proxecto aprobado polo goberno do BNG, non se alcanza esta cifra.
Desde o PP moañés tamén lle rebatiron á alcaldesa o seu “argumento infantil” de que a Deputación avalou a iniciativa, xa que está agochando que os técnicos provinciais só valoran a documentación remitida polo Concello e en ningún caso comproban se tecnicamente encaixa no noso PXOM.
O voceiro municipal, Alfonso Piñeiro, que revelou que xa venceu o prazo de solicitude do informe pedido polo PP sen resposta, lembrou tamén que este proxecto do mini-auditorio e as vivendas sociais xa naceu con irregularidades pola normativa de compatibilidade de usos, polo que lamentou que a alcaldesa siga empeñada en sumarlle supostos incumprimentos legais a un edificio sociocultural que non cumpre cos demandas de espazo e calidade dos veciños.
“Ademais de furtarlle aos veciños 550 m2 de vivenda pública cunha resistencia numantina a que un novo informe avale a legalidade, hai que lembrar que neste proxecto polivalente tamén se incumpre a normativa de usos, posto que os usos culturais e residenciais son incompatibles nun mesmo inmoble. Algo que é lóxico, porque xa escoitaremos no futuro as queixas dos veciños sobre o son e os ruídos das actividades que se desenvolvan debaixo dos seus fogares”, advertíu.
Finalmente, o voceiro popular tamén tildou de “cachondeo” de que Leticia Santos se queixe de falta de investimentos en Moaña en comparación con Marín ou Cangas: “Se a Xunta colabora co auditorio de Marín é, en primeiro lugar, porque non está instalado nun clima de confrontación e porque é un auditorio que cumpre a normativa e non ten pisos enriba. E que fale das vivendas de Cangas é tomarle o pelo á xente, porque tamén está disposta a construilas en Moaña se o Concello lle cede, urbanizados, os terreos da Sareb, pero Leticia Santos négase e é a única responsable de que non se fagan”.