O PP de Fornelos denuncia excesos, sobrecustes disparados e unha total falta de transparencia na rehabilitación das piscinas, que xa non abriron o pasado verán

Martes, 25 de novembro de 2025

O grupo municipal do PP de Fornelos de Montes vén de denunciar numerosas irregularidades nas obras de rehabilitación das piscinas municipais, que ademais foron obxecto dun retraso enorme que impedíu a súa apertura durante todo o pasado verán. Os populares revelaron que dita actuación caracterizouse por un exceso de obras sen o aval da xustificación técnica, un sobrecuste disparado que multiplicou por dez o investimento previsto e unha total falta de transparencia por parte do goberno local, que segue sen dar explicacións, principalmente aos veciños.

Deste xeito, e ante os constantes retrasos e as dúbidas pola execución desta mellora, o PP fornelense impulsou un pleno extraordinario para abordar este asunto, xunto con outros de interese para a cidadanía, pero o alcalde, Emiliano Lage, evitou dar ningunha explicación e suprimíu unilateralmente o tema das piscinas da orde do día malia que non pode facelo nunha sesión convocada pola oposición. “Estamos ante unha clara sinal de escurantismo e de que está tentando agochar as irregularidades desta actuación”, criticou a voceira municipal, Antía Rodríguez.

Os populares, que recalcaron en primeira instancia a pésima xestión do executivo socialista por deixar aos veciños sen piscinas durante todo o verán, revelaron que a corrección de fendas pasou dos 29 m2 previstos no proxecto a 338 m2 malia que isto supera a superficie total do vaso, polo que sospeitan que se actuou tamén na soleira, pero paralelamente advirten de que a piscina de adultos nunca estivo sen revestimento durante a actuación. “Non se sabe onde se actuou, porque se actuou e como se actuou porque están inmersos nunha absoluta falta de transparencia, pero todo iso semella moi raro e, o peor de todo, é que o pagaron os veciños por carecer desta instalación”, apreciou a concelleira popular, que recalcou que non existe xustificación técnica e se dificulta o acceso ao expediente de obra.

Pero ademais, o PP de Fornelos considera que existen outros aspectos censurables nesta rehabilitación das piscinas, posto que o custe incrementouse nun 100% sobre o previsto e disparouse ata os 23.734 euros e ademais os prazos e as prórrogas están sen clarificar. Neste senso, indicaron que o pasado maio pedíuse un aprazamento polas supostas dificultades para avanzar na obra polas choivas e en xullo, xa co prazo ampliado vencido, pedíuse outro informe, “pero a realidade é que o conxunto da xestión deixou aos veciños sen piscinas e cun enorme despilfarro sen explicar de diñeiro público”.

Finalmente, os populares calificaron de “colmo absoluto” de toda esta neglixencia que o Concello contratara igualmente a un socorrista por espazo de seis meses malia que as piscinas non abriron nin un só día, “o que xa confirma que ou o goberno está totalmente sen rumbo ou actúa con intereses que non son os xerais”.