O PP de Fornelos denuncia a intención do goberno local de suprimir a única zona verde da vila cun proxecto de urbanización e formigonado integral

Mércores, 16 de abril de 2025.-

O grupo municipal do PP de Fornelos de Montes vén de denunciar publicamente a intención do goberno local de suprimir por completo a única zona verde existente na vila, que se atopa a carón do parque infantil, a través dun proxecto de urbanización de formigonado integral de todo este espazo.

Os populares lamentaron o proxecto escollido polo executivo socialista ao abeiro do Plan Provincia Extraordinaria da Deputación de Pontevedra, que financiará 281.845 euros do montante total de 331.582 euros, e incluso impulsaron a celebración dun pleno extraordinario, que tivo lugar esta mañá, para que o goberno municipal “rectificase un proxecto que non responde ás necesidades de Fornelos, con moitas eivas en estradas e saneamento, e que afonda na creación de espazos urbanos duros e despersonalizados”.

Sen embargo, e malia as intencións do PP de redirixir estes importantes fondos da Deputación a outras actuacións máis necesarias, o goberno de Emiliano Lage rexeitou esta proposta e mantén a súa intención de formigonar esta zona verde.

“Aquí xúntanse dúas cuestións que confirman a ineficacia do executivo socialista, xa que, por unha banda, hai necesidades moito máis urxentes en Fornelos e, por outro lado, o proxecto elixido vai contra as características propias dun concello rural como o noso incidindo nunha urbanización excesiva. Todo isto, e a pechazón do alcalde a non dar marcha atrás, contradi por completo as súas afirmacións de que se fai unha análise rigorosa das necesidades, porque a verdade é que non se pode escoller peor un proxecto e, o máis grave, dilapidar máis de 300.000 euros e perder unha grandísima oportunidade de facer algo de proveito”, sinalou Antía Rodríguez.

Ademais, o PP de Fornelos tamén advertíu de que, froito do formigonado, tanto a zona do parque infantil como o resto da contorna van padecer un sobrequecemento excesivo de temperatura durante o verán, o que prexudicará o seu emprego polos nenos, e ademais lembraron que a actuación vai na liña contraria do ano anterior, cando se investiron 20.000 euros para crear unha zona de sombra orientada a mitigar o calor deste espazo nos meses estivais.

Finalmente, os populares lamentaron a decisión “claramente errónea” do goberno local e anunciaron que seguirán insistindo, ata o día en que comece a obra, para que se rectifique e se acometa, con estes fondos, “un proxecto alternativo máis respectuoso e necesario”