O PP de Forcarei solidarízase coas familias dos nenos da EFB Terra de Montes na súa reclamación de melloras no campo de fútbol e esixe o seu acondicionamento urxente

Forcarei, 18 de xaneiro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Forcarei vén de solidarizarse coas decenas de familias de nenos da Escola de Fútbol Base (EFB) Terra de Montes na súa reclamación de melloras no campo de fútbol e nas instalacións deportivas municipais e esíxelle ao goberno bipartito que acometa o seu acondicionamento urxente”.
“As decenas de rapaces e rapazas de Forcarei que empregan o campo de fútbol están a empregar unhas instalacións que se atopan en moi malas condicións desde hai moito tempo e sufren humidades, frío, falta dos servizos mínimos e confortabilidade e fronte a isto o goberno local demostra o seu habitual pasotismo e abandono deste importante colectivo, polo que non apoiamos decididamente as súas demandas e esixiremos no pleno o arranxo desta situación”, manifestou a voceira municipal, Belén Cachafeiro.
Os populares sosteñen que o estado do campo e das demais instalacións deportivas municipais “é moi malo e ademais está a empeorar, xa que non se fixo nada desde que comezaron a deteriorarse sen que o executivo teñan ningunha excusa ou poida alegar descoñecemento, xa que os pais xa lle trasladaron todos os moitos problemas e as súas queixas ao Concello hai moitos meses”.
A concelleira popular considera que as familias dos deportistas “teñen toda a razón na súa reclamación dunha maior implicación” por parte do Concello, que non cumpre coa obriga mínima de mantemento e ademais ten completamente marxinada a esta entidade deportiva en materia de apoio económico e outras melloras. “Estamos ante un clube que fai un enorme traballo e unha gran labor social e deportiva, polo que non entendemos este castigo que sofren”, manifestou a edil do PP.
Finalmente, Belén Cachafeiro cre que toda esta situación vén derivada do “fallido plan” para o acondicionamento integral do campo de fútbol do Plan PON2030 da anterior Deputación, “xa que o goberno local presentou un proxecto de 480.000 euros para esta instalación, pero a anterior presidenta, Carmela Silva, na súa habitual política de castigo a Forcarei, rexeitouno, o que demostra que a alcaldesa non conta con apoios nin entre os seus compañeiros”.
Por elo, lamentou este “grave incumprimento”, xa que a rexedora prometeu en plena precampaña, en abril de 2023, a realización desta actuación “e como se lle caeu por presentar un mal proxecto, algo habitual no seu goberno, xa non é capaz de levalo a cabo porque non ten capacidade de xestión nin de negociación para obter alternativas para o seu financiamento”.