O PP de Forcarei rexistra unha moción de censura para poñer fin a “seis anos de desgoberno, xestión ineficaz e autoritarismo” por parte de Verónica Pichel e o PSOE

Forcarei, 16 de xullo de 2025.-

O grupo municipal do PP de Forcarei vén de rexistrar a primeira hora desta mañá no Concello unha moción de censura contra a alcaldesa, Verónica Pichel, para poñer fin a “seis anos de desgoberno, xestión absolutamente ineficaz, desatención aos veciños, falta de investimentos, deterioro dos servizos públicos e autoritarismo” por parte da rexedora e do goberno local socialista.

Esta moción de censura, que en principio se debaterá o próximo xoves 31 de xullo, foi asinada polos cinco concelleiros populares e polo edil non adscrito Rafael Fiestras, cumprindo deste xeito o requisito de vir respaldada pola maioría absoluta do pleno da corporación, e propón a candidatura como nova alcaldesa da ex rexedora, voceira municipal do PP e deputada provincial de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, que xa gobernou o municipio entre os anos 2012 e 2019.

“O Concello de Forcarei leva seis anos paralizado, con constantes oportunidades perdidas, con investimentos que non chegan e axudas millonarias que se perden, con facturas que non se pagan, coas asociacións esquecidas, coas parroquias abandonadas e desatendidas, cunha confrontación brutal con todas as administracións que loxicamente é moi prexudicial para os veciños e cun clima guerracivilista instaurado pola alcaldesa moi alonxado da harmonía na que sempre viviu Forcarei. Por elo, chegou o momento de acabar co cesarismo, o ego e o despotismo de Verónica Pichel e comezar a atender aos veciños”, explicou a concelleira popular e candidata á Alcaldía, Belén Cachafeiro.

Na súa longa exposición de motivos, o PP de Forcarei sinalou como grandes eivas os incumprimentos legais en materia económica e orzamentaria, cunhas contas que datan do ano 2019 e foron elaboradas polo anterior goberno popular, unha neglixente xestión de recursos públicos coa perda de máis de 3 millóns de euros concedidos por distintas administracións, o incumprimento dos acordos plenarios en materia de subvencións ás asociacións, o deficiente funcionamento dos servizos municipais con especial fincapé no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a incompetencia en materia de persoal, a falta de transparencia e o emprego partidista dos medios públicos ou o elevado gasto en asesores e letrados para a defensa dos contenciosos pola súa xestión.

“É inadmisible que se perdan todos os anos 160.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta, a partida máis alta da provincia, pola súa mala xestión, así como un lista interminable de axudas. Tamén que non sexa quen de negociar nin un só investimento co Goberno galego, pero tampouco cos seus compañeiros do Goberno de España, que prometeron hai anos 4 millóns para a N-541 ou un polígono coa Zona Franca e seguimos agardando. Pichel ten a Forcarei sumido na nada máis absoluta”, indicou a voceira popular.

Cachafeiro tamén lembrou que a alcaldesa foi unha das persoas que promoveu o rebentamento do SAF hai seis anos e agora teno ao bordo do colapso con prórrogas irregulares e falta de licitación do servizo, que é algo que hai que solucionar con urxencia. Neste senso, lembrou a complicidade da CIG para paralizar o servizo “sen que este sindicato aparecera nin un só día en seis anos por Forcarei malia os innumerables problemas”.

Os nefastos pactos PSOE-BNG

A concelleira popular indicou que, ademais, o PP xa debía gobernar Forcarei desde o inicio do mandato, posto que gañou claramente as eleccións municipais co 48,3% dos votos e foi o partido que máis subiu na cita electoral de 2023, “pero sufrimos eses nefastos pactos de perdedores PSOE-BNG, que non pensan nos veciños porque están feitos en Santiago e só en que non goberne o PP, e que logo saltan polos aires deixando gobernos febles e ao pobo tirado”.

Belen Cachafeiro engadiu que a “nefasta xestión, da que facemos unha absoluta enmenda á totalidade”, a desatención e maltrato reiterado da alcaldesa á inmensa maioría dos veciños e o resultado electoral de 2023 son os argumentos esgrimidos polo PP para a presentación desta moción de censura. Pero en todo caso, indicou que a alcaldesa debe aceptala democraticamente e con tranquilidade en base ao que sostén o seu propio partido e a súa propia actuación política: “Cando Pedro Sánchez fixo a moción de censura, aplaudiuna; cando fala de artellar maiorías parlamentarias, tamén o defende. Pois agora, se é coherente, ten que aceptar que a censura vai contra ela e que a maioría do pleno e dos veciños non a apoian e ten que marchar. A diferenza é que Pedro Sánchez quebra a igualdade dos españois e merca os votos, só polo seu ego de ser presidente, con recursos públicos e rompendo o Estado de Dereito malia estar cercado pola corrupción e, desde o PP de Forcarei, só queremos acceder ao goberno local para acabar con esta desfeita na que Pichel meteu ao Concello e para comezar a atender aos veciños”.

Finalmente, a candidata popular á Alcaldía revelou que a súa intención é conformar un goberno integrado por seis concelleiros, cinco do PP e Rafael Fiestras, “para actuar con decisión e unidade de acción nun proxecto común para Forcarei desde o primeiro minuto e rematar deste xeito coas terribles experiencias destes anos, cun executivo minoritario primeiro e con outro de coalición tamén moi feble que acabou rompendo”.