O PP de Forcarei lamenta o rexeitamento do pleno extraordinario para defender aos veciños e o territorio dos parques eólicos pola “postura antidemocrática” da alcaldesa

Forcarei, 19 de xuño de 2025.-

O grupo municipal do PP de Forcarei vén de lamentar que a alcaldesa, Verónica Pichel, amosase novamente unha “postura antidemocrática” e rexeitase a petición de pleno extraordinario cursada polos cinco concelleiros populares para defender aos veciños e o territorio do concello dos proxectos eólicos Sistesas, Ventoburgo e Xestiloi e a súa correspondente infraestrutura de evacuación enerxética.

Os populares tildan de “actitude autoritaria e caciquil” e negativa da rexedora a celebrar esta sesión malia que o PP ten dereito á mesma como forza máis votada do municipio e dado que, por riba de todo, están xogo os dereitos dos veciños. “É unha auténtica covardía e un absoluto secuestro á democracia que se agoche detrás dun informe ad hoc feito a medida polo secretario accidental só porque prefire defender ao Goberno de España, que é quen impulsa estes parques, antes que ao seu concello. Novamente deixa vendido ao municipio nun posicionamento que só podemos calificar de anti-Forcarei ao que, por desgraza, xa nos ten acostumados”, sinalou a voceira municipal, Belén Cachafeiro.

O PP pedíu o pleno extraordinario en tempo e forma e reclamaba  súa celebración antes do 20 de xuño dado que o período para a expedición de informes contra estes parques remata o próximo 1 de xullo e pretendíase dar tempo á elaboración dos documentos necesarios para defender aos veciños e o territorio.

“A inacción do Concello, que non fixo absolutamente nada e tampouco o pretende, vai ter consecuencias moi negativas para os veciños, xa que Forcarei é o municipio máis afectados por estes tres parques e a súa liña de evacuación, posto que están plenamente inmersos no noso termo e ademais todos eles son de grandes dimensións, superando os 50 megavatios”, apostillou a edil popular.

Por elo, o obxectivo do PP con este pleno extraordinario era a aprobación da contratación dunha empresa especializada na elaboración de informes técnicos relacionados con estes proxectos enerxéticos para poder expoñer, en base á normativa, a defensa dos forcaricenses e do territorio.

“Atopámonos de novo cunha alcaldesa que nin respecta a democracia, nin escoita nin defende aos veciños, pero desde o PP seguiremos insistindo, ata o último día de prazo, e incluso seguiremos colaborando coa xente na medida das nosas posibilidades para defendernos destas afeccións”, concluíu Cachafeiro.