O PP de Forcarei lamenta a falta de brigada de extinción e dos demais convenios de prevención de lumes polos recurtes do goberno socialista
7 de agosto de 2025.-
O PP de Forcarei vén de informar aos veciños que o Concello non dispón de brigada municipal de extinción de incendios e que tampouco existen outras medidas de prevención de lumes ao abeiro dos convenios coa Xunta de Galicia como consecuencia dos recurtes do anterior goberno socialista.
Neste senso, desde o executivo municipal lamentaron que Forcarei é o único concello dos oito das bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes que non se adheríu a ningunha das tres medidas financiadas pola Xunta de Galicia nesta tempada de verán, consistentes na dotación de brigada, motobomba e desbroces.
Así, lembraron que no ano 2023 houbo unha cuadrilla ao abeiro dun acordo co Goberno galego, pero o ano pasado a ex alcaldesa renunciou tras recibir a proposta de convenio e, nesta ocasión, xa non se sumou a ningunha das tres accións de prevención e extinción, o que imposibilita unha colaboración rápida desde o Concello en caso de incendio.
“Lamentamos non poder colaborar co operativo da Xunta e dar unha resposta áxil, por cuestión de cercanía, na defensa dos nosos veciños, as súas vivendas e o noso territorio, pero isto é tristemente o que hai e o que confirma o que denunciamos sobre os recurtes e o deterioro ao que levaron os servizos públicos”, sinalou a alcaldesa e presidenta do PP local, Belén Cachafeiro.
Ademais, engadiu que a vaga de calor e a forte seca teñen a practicamente toda España cun risco moi alto de incendio, polo que a situación é complicada, xa que en Forcarei xa se sufriron esta semana dous lumes na parroquia de Millerada que, afortunadamente, foron sofocados a tempo polos medios da Xunta.
“Estamos en precario e sen poder botar unha man, máis alá da presenza dalgún voluntario coa motobomba do Concello, polo que lle queremos pedir aos veciños que extremen a prudencia e que, tan pronto como vexan un lume, chamen ao 085 mentres dure este episodio”, detallou Cachafeiro, que confirmou que, para o ano 2026, o Concello de Forcarei volverá a dotarse destes importantes medios de prevención e extinción no marco dos convenios coa Xunta.