O PP de Forcarei lamenta a ausencia de maquinaria suficiente no Ximnasio e denuncia a súa reapertura en precario polas irregularidades e escurantismo do goberno
Forcarei, 25 de maio de 2025.-
O grupo municipal do PP de Forcarei vén de lamentar a situación na que se atopa o Ximnasio Municipal tras a marcha do anterior concesionario e a realización dunha nova adxudicación a dedo por parte do goberno local, xa que a instalación deportiva carece de maquinaria suficiente e ademais elo vén derivado de todo un proceso cheo de irregularidades e escurantismo por parte do executivo de Verónica Pichel.
Os populares lembraron que o servizo cesou a finais do primeiro trimestre e, ante as queixas dos usuarios, o bipartito tentou proceder á súa reapertura chegando a un acordo coa empresa Spazo Sport. Sen embargo, e tal e como se confirma tras case dous meses co novo funcionamento, o ximnasio abre as súas portas de xeito irregular e totalmente en precario, xa que apenas conta con cinco máquinas que nin sequera son de última xeración, polo que non cumpre coas expectativas dos usuarios.
“Ante o enorme malestar da xente polo peche, que a alcaldesa negou por activa e por pasiva nun novo exemplo de mentiras sen escrúpulos, e a lóxica retirada de toda a maquinaria por parte do anterior concesionario xa que era da súa propiedade, o goberno socialista inventouse unha fórmula de contrato a dedo sabendo que non ía funcionar e que só pretendía saír do paso e aplacar o enfado dos usuarios. En realidade, e dado como funciona e a escasa maquinaria deportiva que hai, o certo é que é como se non abrirá”, sinalou a voceira municipal do PP, Belén Cachafeiro.
Ademais, os populares forcaricenses advirten de que todo este proceso está rodeado de escurantismo e irregularidades, posto que a alcaldesa, novamente e nun alarde antidemocrático, négase a facilitarlle o expediente solicitado formalmente “posiblemente porque non quere que se saiba como foi o dedazo na adxudicación, os pagos de facturas que ata roldan os 10.000 euros ou o nepotismo na contratación, xa que no ximnasio traballa a filla dun concelleiro do PSOE, entre outras cuestións sen aclarar”.