O PP de Forcarei critica que Verónica Pichel e o PSOE teñan “retidas e secuestradas” as redes sociais oficiais do Concello e impidan a información do Concello aos veciños

6 de agosto de 2025.

O PP de Forcarei vén de criticar que a ex rexedora, Verónica Pichel, e o PSOE local teñan “retidas e secuestradas” as redes sociais oficiais do Concello e estean a impedir que se traslade información pública e oficial aos veciños cando se cumpren seis días do cambio de executivo.

O voceiro municipal, Alejo Vidal, lamentou esta actitude obstruccionista e infantil que carece de todo sentido, xa que revelou que, desde o pasado venres, estiveron tentando contactar de maneira insistente coa ex alcaldesa e tamén falaron con xente do seu equipo para que se transferise o control da páxina oficial de Facebook do Concello, “que é unha canle de información moi útil e áxil, xa que a seguen 4.000 persoas, entre as que se atopan a práctica totalidade dos veciños”.

“Nin colle as chamadas, nin atende as mensaxes, e a xente do seu goberno non sabe nin que dicir, algo que nos estrana bastante, porque non cremos que o control o tivera ela soa. Pero en todo caso, é unha falta de respecto institucional enorme e demostra o seu sectarismo e autoritarismo, porque esta conta foi creada polo anterior goberno do PP e, cando chegou a Alcaldía en 2019, traspasóuselle ao día seguinte da investidura”, sinalou o concelleiro.

Alejo Vidal recalcou que Verónica Pichel “ten dereito a irse de vacacións, pero antes tiña que deixar os deberes feitos ou responder ás mensaxes e facer un simple clic no seu móbil para pasarnos a conta, pero debe estar moi enrabietada e por iso négase a trasladarnos un perfil que temos que manexar, para informar aos veciños, desde o novo goberno”.

Finalmente, o voceiro do goberno local agarda que a rexedora “entre en razón” en breve prazo e facilite esta canle de comunicación coa veciñanza canto antes, “porque do contrario veríamonos obrigados a tomar outras medidas”.