O PP de Forcarei critica a falta de reposición de servizos nas inminentes obras de reforma da rúa Francisco Filgueira e solicita que se inclúan no Plan +Provincia 2025

Forcarei, 14 de xaneiro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Forcarei vén de criticar publicamente que o proxecto de reforma e modernización da rúa Francisco Filgueira da localidade estea incompleto e as obras, cuxo inicio é inminente, non vaian incluír a reposición dos servizos dese vial, polo que solicita ao bipartito que inclúan as obras que faltan, consistentes principalmente nas canalizacións, ao abeiro do Plan +Provincia 2025 da Deputación de Pontevedra.
A voceira municipal e deputada provincial, Belén Cachafeiro, valora positivamente que se fagan actuacións coma esta despois de moitos anos sen obras de mellora na capital municipal e respalda o suposto consenso por parte dos residentes, “pero posiblemente descoñezan que a obra é cativa, posto que exclúe a renovación das redes de saneamento e abastecemento e as demais canalizacións de servizos”.
Por elo, a concelleira popular lamenta que se vaian destinar 165.000 euros a esta actuación, que ademais dispoñía de máis fondos, ata 212.000 euros que foi a cifra de licitación ao abeiro do Plan +Provincia 2024, “e que se non se aproveite para facer a obra completa e que quede redonda, xa que as actuais canalizacións e redes desa rúa teñen máis de 50 anos e é o momento indóneo para renovalas”.
Ante esta situación, a edil do PP vén de presentar un escrito no Rexistro xeral para solicitar ao goberno bipartito que corrixa esta importante eiva e que complete a remodelación da rúa cos fondos do Plan +Provincia da Deputación correspondentes ao presente exercicio.
“O actual proxecto serve para modernizar e mellorar o que se vé, as beirarrúas, o asfalto e o alumeado, pero está incompleto, xa que nunha rúa hai servizos fundamentais que van por debaixo da mesma e que toca renovar porque deben estar ao límite da súa vida útil tras máis de medio século. Ademais, a reforma podería verse afectada en pouco tempo, tendo que levantarse, en caso de que houbera unha rotura ou avaría nos próximos meses ou anos, co cal teríamos que facer o traballo dúas veces”, concluíu Belén Cachafeiro.