O PP de Forcarei alerta de que a situación do SAF non está solucionada malia a modificación do contrato pola falta de orzamentos e de partida para pagar a actualización de prezos

Forcarei, 15 de marzo de 2025.

O grupo municipal do PP de Forcarei vén de alertar de que a grave situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) segue estar lonxe de estar solucionada malia a modificación do contrato aprobada en pleno o venres cos únicos votos de PSOE e BNG, xa que a falta de orzamentos municipais, que a alcaldesa é incapaz de aprobar tras seis anos no goberno, e de partida económica para pagar a actualización de prezos abocan a que o problema reapareza “máis pronto que tarde”.

Os populares insisten en que o “estado dramático da atención domiciliaria, que está ao bordo da desaparición” foi xerado pola propia rexedora, “que falsamente se xacta de telo solucionado”, posto que incumpre o impedimento recollido no contrato de subir as contías do SAF, “polo que todos estes acordos están fóra da lei” ante a súa incapacidade para sacar adiante un novo prego e unha nova licitación, tal e como dicta o sentido común, a normativa e lle pide a propia empresa concesionaria desde hai dous anos.

Para o PP forcaricense o SAF municipal está padecendo “unha fuxida cara adiante” por parte do goberno bipartito PSOE-BNG e advirten de que os problemas dos impagos persisten e a falta de diñeiro vai provocar que o servizo teña un mal futuro nun curto prazo de tempo “malia estes xogos de trileiros e o seu intento de trasladar a responsabilidade á oposición”.

Pola contra, os populares sosteñen que a súa actitude “responsable, ben por acción ben por omisión é a que permite que polo momento se manteña o servizo”, pero sinalan que, máis alá de cuestións adaministrativas, “os equilibrismos políticos da alcaldesa van ter un límite cando non poida pagar o servizo”, polo que insisten en esixir a depuración de responsabilidades coa súa marcha, da que sinala que é corresponsable o BNG “por tragar co intragable e por bendecir co SAF o que maldicía hai seis anos co seu único obxectivo de tumbar a un goberno do PP que se amosou moito máis eficiente para os veciños que o actual”.