O PP de Cuntis solicita un plan de conservación do casco histórico e do centro urbano ante o seu deterioro e o establecemento de permisos de acceso a residentes e comerciantes

Cuntis, 25 de xaneiro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Cuntis vén de presentar senllas mocións, para o seu debate no próximo pleno, nas que reclama a posta en marcha dun plan de conservación e mantemento do casco histórico e do centro urbano ante o seu deterioro e o establecemento de permisos e medidas de acceso para residentes e propietarios de negocios comerciais e de hostalería a toda esta contorna para evitar os prexuízos que lle están a causar as prohibicións unilaterais decretadas polo goberno local.

A primeira proposta plenaria consiste na realización dunha avaliación do estado da vila, o deseño dun plan de conservación, a súa execución e un cronograma de supervisión para garantir as súas boas condicións no futuro, xa que os populares lembran que o casco histórico ten un valor moi importante e trátase dun espazo fundamental para a vida cotiá.

Neste senso, a formación liderada por Isabel Couselo denunciou que estes espazos urbanos presentan numerosas lousas rotas e soltas, zonas adoquinadas deterioradas, bolardos torcidos, deficiencias no mobiliario urbano, problemas na sinalización e farolas rotas e con baixa iluminación, afondando en que, no sistema de alumeado público se producen numerosos cortes e deficiencias.

“Hai un claro estado de abandono do casco histórico e do centro urbano por parte do goberno local, o que está a motivar a súa degradación e numerosas queixas dos veciños que compartimos plenamente, polo que queremos poñerlle couto a esta situación e esiximos ao executivo socialista que poña en marcha as correspondentes medidas de mantemento e conservación que merece a vila de Cuntis”, detallou a voceira municipal.

Medidas para os veciños do casco histórico

Por outra banda, o PP tamén vai levar a pleno unha demanda que palíe en parte os moitos problemas que lle están a causar aos veciños e aos donos dos establecementos do casco histórico as medidas de prohibición de tráfico e acceso en numerosas rúas e durante as fins de semanas. Neste senso, propoñen o levantamento parcial destas restriccións de entrada coa implantación dunhas tarxetas de acceso a esta contorna “para facilitarlle a vida á xente e que Cuntis deixe de ser un pobo pantasma”.

Ao respecto, Isabel Couselo explicou que as consecuencias destas medidas unilaterais adoptadas polo goberno municipal “son ben visibles e son todas nocivas para Cuntis, posto que derivan na precariedade dos servizos públicos, unha moi baixa afluencia de xente, un impacto negativo nos negocios do centro e un forte retroceso económico, posto que veciños e visitantes escapan a outros lugares ante as enormes dificultades de acceso”.

Para a edil do PP, hai que buscar unha coexistencia amable do respecto ao casco histórico coa actividade socioeconómica e un acceso seguro con velocidade limitada a dez quilómetros por hora, polo que solicitará ao pleno a creación de tarxetas de acceso e estacionamento para veciños e negocios, a creación de Zonas de Aparcamento Exclusivo con horarios limitados e diversas medidas de corrección da sinalización e as deficiencias do tráfico.