O PP de Cuntis salienta o “compromiso” de Educación tras destinar 1,1 millóns de euros en 2026 ao CPI Aurelio Rey e destaca a xestión de Isabel Couselo desde a Xunta

Cuntis, 24 de outubro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Cuntis vén de salientar o “enorme compromiso” da Consellería de Educación co concello tras destinar unha partida de 1.107.841 euros nos Orzamentos Autonómicos 2026 para as obras de modernización completa do CPI Aurelio Marcelino Rey García e destaca a gran xestión realizada pola voceira municipal, Isabel Couselo, para conseguir este investimento desde a súa responsabilidade na Xunta de Galicia.

Os populares consideran que a rehabilitación integral e funcional do colexio público cuntiense xa comezaba a ser necesaria co obxectivo de adaptar o centro ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para facelo máis confortable e preparado para os retos da educación da próxima década, polo que califican de “moi boa nova” a súa inclusión nas contas do Goberno galego. Por elo, quixeron agradecer a “sensibilidade” do conselleiro Román Rodríguez coas necesidades de Cuntis e tamén o traballo de intermediación e negociación da líder local e directora territorial de Cultura da Xunta, Isabel Couselo.

“Desde hai uns meses xa recollemos certa demanda por parte da comunidade educativa para reformar o colexio e, neste senso, foi decisiva a presenza da nosa voceira no Goberno galego porque pelexou porque fora incluído na remesa de obras de 2026 tendo en conta que hai moita competencia e moitos centros interesados nestas actuacións de modernización”, indicaron desde o PP.

Os populares explicaron que asumiron o liderado desta demanda do CPI Aurelio Rey ante a Xunta tras comprobar a “absoluta inacción” do alcalde, Manuel Campos, neste asunto, xa que nin se reuníu co conselleiro nin trasladou unha solicitude formal do proxecto polas canles oficiais. “Sempre queremos sumar para Cuntis e que veñan investimentos e melloras, aínda que loxicamente nos limita o noso papel de oposición, pero cando aparecen oportunidades como esta, e dado que o goberno socialista non fai axeitadamente o traballo de xestión e negociación coa Xunta nin coas demais administracións, aproveitámolas porque os veciños se merecen todo o que poidamos traballar por eles”, concluíron.