O PP de Cuntis rexistra unha nova solicitude de mellora integral da estrada N-640 ao Ministerio de Transportes polo “perigoso estado” da vía e o incumprimento das reformas prometidas
Cuntis, 31 de xaneiro de 2026.-
O grupo municipal do PP de Cuntis vai rexistrar un novo escrito de solicitude da mellora integral da estrada N-640 ao seu paso polo concello ante a Unidade de Estradas do Estado en Pontevedra, dependente do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, polo “perigoso estado” da vía e ante o reiterado incumprimento das reformas prometidas polo subdelegado do Goberno, Abel Losala, e do alcalde, Manuel Campos.
Os populares xa presentaron un escrito esixindo o acondicionamento desta estrada en xuño de 2023 cunhas primeiras demandas, que agora veñen de ser ampliadas nesta nova proposta polo franco deterioro da Nacional, e aclaron que “vémonos na obriga, tras trinta meses sen respostas nin feitos, de seguir insistindo polo incremento dos accidentes e dos danos nos vehículos e polo grave risco existente para a seguridade dos usuarios”.
Neste senso, desde o PP de Cuntis indicaron que, ás recurrentes incidencias dos últimos meses, veñen de sumarse nos últimos días numerosos rebentóns de rodas na zona de Cobas, na parroquia de Troáns, polas fendas de enormes dimensións e polas moitas roturas da plataforma e incluso a creación dunha plataforma de afectados a través das redes sociais “á que lle queremos amosar o noso total apoio, porque concordamos ao cen por cen coas súas demandas, nas que levamos insistindo nos últimos anos”.
Así, o novo escrito rexistrado polos populares cuntienses ante o Goberno de España inclúe demandas de antano, como a limitación de velocidade en Portodegómez, o pintado de pasos de peóns neste lugar e noutros puntos urbanos ou de tránsito de peóns, a mellora xeralizada da iluminación e a corrección de eivas, como as fendas e fochancas de grandes dimensións, as deformacións ou os problemas de drenaxe. Ademais, desta volta engadíuse o acondicionamento integral da plataforma e a renovación de toda a capa de rodaxe, que esgotou hai tempo a súa vida útil.
A voceira municipal, Isabel Couselo, explicou que esta nova solicitude xorde tras a ausencia das melloras reclamadas hai 30 meses “e a insuficiencia dos bacheos e parches parciais nalgúns treitos da estrada, que non serviron para nada, que non cumpriron co prometido e que, de facto, foi rirse dos veciños de Cuntis”. Así mesmo, anunciou que o PP de Cuntis “non vai parar ata que a nosa arteria principal, a que vertebra o noso concello, estea en óptimas condicións de seguridade, que é o que merecen os veciños” e lamentou o pasotismo do Goberno de España ante unha situación de grave risco para a seguridade e a falta de efectividade das “fotografías e anuncios totalmente incumpridos” do alcalde.