O PP de Cuntis responsabiliza ao goberno das dúas licitacións fallidas da nova piscina pola súa mala xestión cun prezo de saída baixo e alerta do risco de perder o servizo
Cuntis, 22 de xullo de 2026.-
O grupo municipal do PP de Cuntis vén de lamentar as dúas licitacións fallidas no concurso para a construción da nova piscina municipal, xa que en ambos casos quedou deserto, e responsabilizar ao goberno local da dilación nesta actuación pola súa mala xestión, dado que o prezo de saída é moi baixo e comezar a existir risco de perder este servizo.
Os populares indicaron que o financiamento íntegro da nova instalación acuática conta con 652.000 euros de financiamento da Deputación, 500.000 a través do Plan Extra I e o resto co +Provincia, pero revelaron que esta contía era a mesma que xa estaba orzamentada no ano 2023 sen realizar a correspondente actualización de prezos, moi necesaria polo incremento dos custes dos materiais de construción e dos salarios dos traballadores.
Por iso, as dúas licitacións da obra realizadas polo Concello de Cuntis quedaron desertas e non espertaron o interese de ningunha empresa, malia o cal o alcalde, Manuel Campos, manifestou ante o pleno da corporación que non tiña intención de incrementar a cantidade, “que é algo que non nos estrana tendo en conta que as arcas municipais non teñen nin un euro”, e que ademais lle constaba que había empresas interesadas, “pero que polo momento non aparecen por ningures”.
A voceira municipal do PP, Isabel Couselo, esixiulle ao rexedor que, tras dous fracasos na contratación desta obra, comece a actuar con responsabilidade e dilixencia, polo que, aínda que polo momento hai marxe cos prazos, comeza a albiscarse certo risco de que se perdan os cartos e incluso a existencia de piscinas no concello cuntiense. Neste senso, a edil do PP non entende a súa negativa a actualizar os prezos da obra “cando todo o mundo sabe que, polo efecto da forte inflación destes anos, os custes subiron moito”, polo que augurou que, de seguir con esta teima, a obra seguirá sen executarse.
Neste senso, Couselo detallou que o orzamento de construción da nova piscina licitada polo goberno local está minorado como mínimo nun 30%, polo que sería preciso incrementalo nuns 200.000 euros -e conseguilos de fondos propios que non hai ou doutra administración- para atraer a algunha empresa e contratar a obra. “Estamos ante outro exemplo da mala xestión de Manuel Campos que é capaz de contratar a obra e segue perdendo o tempo mentres os prezos seguen subindo, así que cada día que pasa a nova piscina vai ser máis cara sempre que sexa capaz de sacala adiante para que non perdamos un servizo fundamental para Cuntis”, concluíu.